Para a IX edición deste evento, organizado pola grupo A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo, hai programados Cantos de Taberna, un xantar popular e diferentes obradoiros; e xa pola noitiña terá lugar o Festival cos concertos de Xisco Feijóo, Tumba e Dálle e A Requinta da Laxeira
Cervo, 27 de marzo de 2025. San Cibrao acollerá o sábado 12 de abril a IX Foliada Nordestía que encherá de música, bo ambiente e moita animación a vila cun programa completo e variado pensado para todos os públicos, que se desenvolverá na Praza dos Campos.
A cita está organizada por A Rebolaxe e conta coa colaboración do Concello de Cervo.
A rexedora, Dolores García Caramés, representantes da Deputación, e membros da asociación organizadora A Rebolaxe, presentaron o evento que arrincará ás 12:00 do mediodía con Cantos de Taberna polos diferentes locais de hostalería.
Xa ás 15:00 horas está previsto un xantar popular e pola tarde haberá un obradoiro de instrumentos a cargo de Xaneco, e moitas máis sorpresas.
Como broche de ouro da xornada, ás 21:30 horas dará comezo o Festival cos concertos de “Tumba e Dálle”, “Xisco Feijóo” e “A Requinta da Laxeira”.
Toda a información detallada está dispoñible nas redes sociais da IX Foliada Nordestía: https://www.facebook.com/foliadanordestia.
A alcaldesa quixo darlle os parabéns unha vez máis ao Grupo A Rebolaxe pola organización da Foliada “un evento que edición tras edición se foi convertendo nun referente cultural no noso concello e en toda a bisbarra como ponte que une tradición e identidade”. Xa que o noso folclore non é só música e baile e historia viva “por iso festivais como este son esenciais para recordarnos as nosas raíces, quen somos e de onde vimos; e que a cultura tradicional non é algo estático, senón que evoluciona e se reinventa grazas ao traballo de agrupacións como A Rebolaxe”.
Desde o Concello de Cervo convidan á veciñanza e ás persoas visitantes a gozar dunha xornada única na que a música, o baile e a diversión estarán garantidos .