Dime do que presumes e direiche do que careces, di o refrán. Que fácil e soltar mentiras. Mais o problema aparece cando revisas a túa mochila e atopas un par de pedras pesadas (quizais escombro desa marabillosa obra, que foi a Avda da Mariña, que parece que non chegaba aos centímetros necesarios de espesor).
A demagoxia co tema da auga é continua. Pero a hemeroteca destroza certas argumentacións que so son expresións sen peso para gañarse uns aplausos baratos (a quen non lle gusta que lle digan que as administracións nos cobran moito?). La Voz de Galicia o 18 de marzo de 2014 publicaba “En base a varios informes, el alcalde Javier Jorge Castiñeira (PP), que gobierna en minoría, defendió la importancia de actualizar los precios que llevan sin revisar desde el 2008, «o que carrexa unhas débedas importantes dos aboados» y un problema para el Concello por no aplicar las fórmulas del contrato.”. Fíxate, daquela tiñan que pagar os veciños…agora como o sr. Castiñeira está na oposición, vese que non. O problema na política e que é algúns menten moi fácil e sen poñerse colorados.
A lei é clara neste aspecto. O prezo do servizo de abastecemento debe ser o do custe de prestar este servizo. En Foz leva moitos anos sen selo. E sexamos sinceros, porque houbo uns políticos que antepuxeron os seus intereses partidistas ás imperiosas necesidades do seu concello. E daqueles barros, estes lodos. Agora as tuberías son de fibrocemento porque levan décadas de falta de investimento nesas infraestruturas. Moitas non se ven, pero son indispensables e so nos damos conta se non funcionan. So temos que lembrar o verán do 2023, que difícil foi. E tamén as continuas roturas que sufrimos na rede.
As cousas custan cartos. E os cartos das administracións non saen dun castiñeiro, sr. Castiñeira. Os cartos de todas as administracións saen dos veciños. Foi así, é así e será así. Non vai inventar vostede nada. Se aínda non se enterou de como funciona, está claro que pasou polo concello pero sen enterarse de nada.
De simpas podémoslle falar a vostede, que é un especialista. Nese ano 2014 aprobou no pleno unha nova fórmula de revisión da tarifa da auga. Pero pola cobardía do plenario, non se aprobou a subida do recibo aos veciños. Co cal o pleno obrigouse a pagarlle á empresa sen ter os ingresos para facelo. Así que, nin corto nin perezoso, o sr. Castiñeira pagou unha pequena cantidade e olvidouse do tema. Para que iba facer frente á súas obrigas? Así que a concesionaria denunciou ao concello. E a administración, foi a un xuízo que estaba perdido porque xa lle deran á razón a empresa previamente, no pleno. Así que, falando mal, fumos pintar a mona ao xulgado, porque o sr. alcalde non pagaba o que aprobaba. E así seguiu. E cando cambiou o goberno, o sr. Castiñeira deixounos: o préstamo de Álvaro Cunqueiro, a millonaria débeda de Gestagua, as facturas de 2018 pagadas con cargo ao 2019 e as partidas orzamentarias gastadas…boa forma de comezar…Pero diralle: tiña moito remanente! Saben vostedes por que? Porque non pagaba. Nin xestionaba. Nin solucionaba.
E agora revisen o seu recibo. Atoparan un concepto chamado: canon. Ese canon vai parar á Xunta de Galicia. Ese canon, que se supón que debe revertir nos veciños de Foz…pois parece que revertirá nos de Ribadeo. Porque a quen lle van pagar un cambio de tuberías, cos cartos de todos é a Ribadeo. Afortunados. Pero Foz non vai parar, vai traballar por ter o seu servizo ao día, arranxando as averías e tamén repoñendo as aceras ou aglomerados abertos e modernizando a súa rede.
Déixese de demagoxias. O diñeiro dos focenses debe investirse en que teñan mellores servizos e que o pobo continúe crecendo. E o demais son comedias de quen parece que so quere enganar.
Inés López Couto (1ª Tenente de alcalde de Foz e voceira do grupo municipal socialista)