A Mariña, 25 de marzo de 2025. A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) organiza un foro de análise sobre as comunicacións e o transporte na Mariña. Será este xoves, 27 de marzo, ás 19:00 horas no salón de actos do Cenima, en Foz.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explica: “o que queremos é seguir pulsando a opinión da veciñanza sobre unha cuestión tan importante como pode ser o estado das estradas e do tren nesta comarca, e os servizos de transporte cos que contamos. Hai moitas demandas desde as empresas mariñás e voces que teñen moito que dicir. Este xoves teremos un foro de análise para reflexionar todos xuntos sobre esta materia”.
Cruzado Iglesias lembra: “iniciabamos hai un ano estes foros de análise analizando o presente e o futuro do empresariado da Mariña; seguimos en outubro abordando unha problemática tan importante como a de atopar pisos de alugueiro para as traballadoras e os traballadores da Mariña. Faciámonos unha pregunta naquel momento: traballo na Mariña, onde vivo? E este xoves imos falar doutro tema que preocupa ás empresas, aos estudantes, aos doentes, á cidadanía en liñas xerais, que son as comunicacións e o transporte na Mariña”.
Neste novo foro de análise da FCAM participarán Marcos Salgueiro, director xerente de Frigomar e presidente de Adexmar; Amador García, propietario de Transportes Paraíso; Beatriz Trigo, dinamizadora da relación con empresa na FP na Mariña; Camilo Vázquez, técnico de emerxencias, enfermeiro e formador; e José Villamar, usuario e membro da plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo. O foro será moderado pola xornalista e presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, que convida a asistir “ás empresas da comarca, sexan socias ou non das nosas asociacións. O que queremos é intercambiar opinións e sensacións. E que as necesidades e demandas desta comarca se poñan enriba da mesa e se escoiten”.