Esta iniciativa chega este ano á súa segunda edición este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a partir das 09:00 horas. O encontro está aberto ao público xeral ata completar o aforo
Lugo, 24 de marzo de 2025. A Deputación de Lugo organiza para este venres, 28 de marzo, as II Xornadas Feministas = Igualdade, a iniciativa que se enmarca dentro da programación de actividades que puxo en marcha a institución provincial para conmemorar o Día Internacional da Muller ao longo deste mes de marzo. O encontro, que arrincará ás 09:00 horas, terá lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e vai dirixido a alumnos e alumnas de 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato aínda que tamén está aberto ao público en xeral.
Esta xornada, posta en marcha o ano pasado pola Deputación de Lugo, ten como obxectivo crear un encontro de debate e reflexión e concienciar á mocidade na perspectiva e na igualdade de xénero. A asistencia é gratuíta ata completar o aforo e deberá realizarse unha inscrición previa a través do correo electrónico protocolo@deputacionlugo.org.
Programa
O acto iniciarase ás 09:00 horas coa entrega de acreditacións ás persoas participantes e ás 09:30 horas o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurará as II Xornadas Feministas = Igualdade. Seguidamente, ás 09:35 horas terá lugar o primeiro relatorio, A Igualdade fronte á desinformación e as loiadas, da man de Zua Méndez e Teresa Lozano de Towanda Rebels. Ás 11:30 horas realizarase un descanso e ás 12:00 horas retomarase a programación con Cristina Louzán e Priscila Retamozo, de PRISMA Expertas en Igualdade, coa charla Hackeando ao machismo. Xa ás 13:30 horas a actriz Jazmín Abuín presentará o monólogo Riquiña! E, por último, ás 14:00 horas pechará o evento a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira.