Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aumenta a 30.000€ a colaboración coa Semana Santa de Viveiro, declarada de Interese Turístico Internacional

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López, destacou que a institución provincial reforza o apoio a esta festividade relixiosa como “unha aposta clara polo seu crecemento e consolidación”

Lugo, 15 de marzo de 2025. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, participou este sábado na presentación do cartel e do Programa de difusión Cultural e Relixiosa (Ciclo Adral), organizado pola Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro como antesala á celebración desta festividade. Durante o acto, López Moreno subliñou que este ano a Deputación reforza “o seu compromiso aumentando a achega económica para a Semana Santa de Viveiro de 25.000€ e 30.000€ euros, unha aposta clara polo seu crecemento e consolidación”.

“É unha honra para a Deputación formar parte, unha vez máis, da celebración da Semana Santa de Viveiro, unha festividade que transcende as fronteiras locais para converterse nun referente cultural e espiritual recoñecido internacionalmente”, declarou a Deputada durante a súa intervención na Sala Multiusos da Casa Consistorial onde tivo lugar a presentación.

Carmela López salientou ademais que a Semana Santa de Viveiro, “non se trata só dunha tradición dos viveirenses, senón dun patrimonio compartido por toda a provincia de Lugo e por milleiros de visitantes que cada ano acoden a vivir esta experiencia única. Esta celebración mantén a súa fidelidade ás raíces, pero ao mesmo tempo, sabe reinventarse e medrar en cada edición”.

“Un modelo de turismo que promovemos dende a Deputación desde hai tempo e que pon en valor o noso patrimonio cultural, a nosa historia e o noso entorno natural, e ofrece a posibilidade de disfrutar desta tradición en familia, con nenos, maiores e con todas aquelas persoas que desexen mergullarse nesta manifestación de fe, arte e tradición”, concluiu a Deputada.

Unha tradición relixiosa recoñecida internacionalmente

A Semana Santa de Viveiro foi declarada no ano 2013 Festa de Interese Turístico Internacional, e é unha das celebracións relixiosas máis importantes e antigas de Galicia. Numerosos pasos, algúns articulados, de grande interese artístico procesionan polas rúas de Viveiro entre os que destacan o da Última Cea creado en 1808; o do Encontro acompañado das tallas da Virxe da Dolorosa, de San Juan e da Verónica; o Vía Crucis; ou a procesión da Soidade, conocida tamén como dos Caladiños que ten lugar na noite do Venres Santo acompañado de numerosos fieis con candeas encendidas no máis impresionante recollemento.

Exit mobile version