Aprobadas ademais dúas convocatorias de diferentes procesos selectivos no marco do programa E para dixitalizarse, Lugo para a elaboración de listaxes de emprego para cubrir unha praza de coordinador e outra de persoal de apoio para a coordinación do proxecto
Lugo, 20 de marzo de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o avance na contratación das obras de mellora de cinco estradas provinciais ao seu paso por Cervantes, Baralla e Riotorto con case medio millón de euros. A Voceira do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou esta mañá dos puntos acordados na reunión semanal celebrada no Pazo de San Marcos e valorou que desde a institución provincial “seguimos a facer un esforzo investidor enorme para rehabilitar, manter e mellorar a rede de estradas da nosa provincia”.
Concretamente, apuntou que en Cervantes licitamos as obras para mellorar diferentes tramos en tres estradas do municipio cun investimento conxunto de 203.051,13€.
Por unha banda, a Deputación actuará nos últimos dous quilómetros da LU-P-1401, que é a estrada que conecta Doiras co límite provincial de León ó seu paso por Piornedo, desde o punto quilométrico 28,509 ao 30,409. Tamén, a través deste proxecto, a institución provincial acondicionará case un quilómetro da LU-P-1402, que une a parroquia da Ribeira e de Vilaquinte, á altura de Quindous, desde o punto quilométrico 8,850 ao 9,600. E finalmente, con esta actuación, a Deputación mellorará un treito de algo máis de cinco quilómetros da LU-P-1404, que é a estrada que vai de San Román a Quindous, no tramo que conecta Vilaluz e o Castro de Santa María, na parroquia do Castro, desde o quilómetro 5,000 ao 10,300.
As obras en todas as vías consistirán na reapertura de cunetas, reparación de desperfectos, repavimentación, sinalización e balizamento. O prazo para a execución destes traballos será de 3 meses desde o inicio das obras.
“Trátase dunhas actuacións moi importante porque estas estradas vertebran as comunicacións do concello de Cervantes, e ademais ao seu paso polo norte do municipio sofren un desgaste importante durante o inverno polas duras condicións climáticas”, explicou García Porto.
No concello de Baralla, a Xunta de Goberno adxudicou á empresa Grupo Bascuas 2008 SL por 66.585,31€ os traballos para acondicionar os 3 últimos quilómetros -do 2,100 ao 4,900- da LU-P-0505, que é a estrada que conecta Camporredondo con Biduedo. As obras consistirán na reapertura das cunetas, limpeza das obras de drenaxe, reparación de desperfectos, repavimentación e sinalización vertical. O prazo de execución das obras neste caso será dun mes desde o seu inicio.
“Esta é outra actuación importante para A Montaña”, valoraba a Deputada. “Trátase de mellorar a estrada máis rápida e directa coa que contan os veciños e veciñas destas dúas entidades de poboación para comunicarse entre si”, engadiu.
En Riotorto, a institución provincial adxudicou ademais á empresa Construcciones Isidro Otero por un importe de 188.981,88€ os traballos para acondicionar algo máis de tres quilómetros da LU-P-4404, que é a estrada que une Riocabo coas Rodrigas por Aldurfe. Os traballos afectarán ao treito que vai da parroquia de Espasande ó Teixeiro – desde o punto quilométrico 15,000 ao 18,030- e consistirán na drenaxe mediante a reapertura e mellora das cunetas, pavimentación con aglomerado en quente, o pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas e reposición da sinalización vertical. O prazo de execución das obras tamén será dun mes.
Parcelas en Paradela
A Xunta de Goberno iniciou ademais o procedemento para o alleamento dun lote de parcelas de 14.000 metros cadrados en total, propiedade da Deputación de Lugo no lugar de Adega, na parroquia de San Facundo, que pertence ó concello de Paradela. Son uns terreos situados ó carón do túnel construído pola Deputación de Lugo no lugar de Adega. O procedemento será en réxime de concorrencia pública mediante a celebración dunha poxa, en lote único e cun prezo de saída de 21.616€.
Emprego
Ademais, no que ten que ver co emprego, a Xunta de Goberno deste venres aprobou a proposta para ampliar as listaxes de emprego de ATS e diplomado en enfermería que prestan servizos de carácter temporal nos Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo. Trátase dunha medida para facilitar a prestación de servizos no caso da acumulación de tarefas e substitucións, e que servirá tamén para adaptarse ao cambio de normativa que obriga a ter máis persoal por residente.
E tamén quedaron aprobadas dúas convocatorias de diferentes procesos selectivos para a elaboración de dúas listaxes de emprego no marco do programa E para dixitalizarse, Lugo.
Este programa, que conta con 750.000€ de fondos europeos, sirve segundo lembrou Pilar García Porto para ofrecer formación en competencias dixitais aos veciños e veciñas da provincia que inclúe unha serie de accións formativas relacionadas coas necesidades tecnolóxicas vinculadas á adquisición de coñecementos respecto ás TICs. En concreto, con esta medida “queremos cubrir unha praza de coordinador e outra de persoal de apoio para a coordinación do proxecto, que servirá para formar sobre ciberseguridade, a dependencia dos dispositivos móbiles, a banca electrónica ou os riscos de internet”.