Foz, 10 de marzo de 2025. A concelleira de Cultura de Foz, Inés López Couto, afirma que “o investimento cultural demostra o traballo aínda que o PP nos queira calar”.
“Certamente non podemos quedar calados cando o discurso da oposición é tan pobre”, manifesta a concelleira de Cultura de Foz, que engade: “a oposición é conxunto de persoas que se enfrontan a un goberno ou a un réxime político. Isto nos di a terceira entrada do dicionario da Real Academia Galega, pero creo que a que máis lles pega é a segunda: acción de poñer ou presentar algún obstáculo ou de resistirse a algo. O voceiro do partido popular aínda se resiste a asumir que xa non está no goberno”.
Inés López Couto engade que o Concello de Foz “traballa para conseguir o máximo financiamento en todos os entes, pero non sempre é posible porque múltiples son as dificultades; e a máis importante ás veces, aínda que sexa incrible, é que te xulgan pola túa cor. Pero iso non é óbice para baixar os brazos e non intentalo”.
A concelleira de Cultura explica que “no ano 2023 esta concelleira presentou a solicitude para esa mesma subvención (para quen non a coñeza, ED314E – Subvencións a escolas de música públicas). Como máxima responsable do departamento asumo que non se presentara en prazo. Pero a Escola de Música non sufriu no seu financiamento esta falta da subvención, que, por certo, sae cando lle cadra á Xunta, cunha periodicidade segundo lles coincide e nos anos que lles parece, polo que se tiveramos que depender dela xa podíamos pechar. Voulle dar todos os datos: o procedemento ED314E saíu nos anos 2017, 2018, 2023 e 2024. No último, como xa expliquei, non se solicitou. No 2023 concedéronnos 3.254,24 euros. No 2018 concederon 5.887,14 euros. No ano 2017, 4.223, 27 euros. Se quere lembrámoslle cando non pediu a dos socorristas, e esa so foi a última que saibamos, que a súa mochila ten bastantes pedras pesadas, algunhas igual ata son da Avenida da Mariña, que moito firme xa vamos vendo que non ten”.
Inés López engade: “e xa que está tan preocupado polo financiamento da escola de música, que saiba que cando a pediu vostede utilizouse para pagar as nóminas, nin inversión nun mísero instrumento novo. E este goberno inviste todos os anos nas necesidades da escola e seguirao facendo, mal que lle pese ao PP, e pedíralle a quen faga falta. Pero os fondos propios municipais van reflectidos no orzamento ano tras ano e seguirán. Así mesmo en todo o ámbito cultural, no que levamos de mandato investíronse en infraestruturas máis de 350.000 euros, cousa que o señor Castiñeira non fixo mentres gobernou, xa que o seu nunca foi o investimento na cultura. E vai con retraso, que a Xunta publicou o listado das beneficiarias no DOG o día 7 de xaneiro e saen todos os solicitantes. Non hai nin trampa nin cartón, transparencia señor voceiro. Nin para criticar é traballador. Se pensa que me vai calar porque non lle gustan as miñas respostas polo que di, seguirei contestando, porque, a diferenza de vostede, viuse claro no pleno que eu non me escondo; no seu caso aínda estamos esperando a que nos explique porque non pedira a subvención dos socorristas, porque a súa resposta foi botarlle a culpa ao persoal municipal. Traballe por conseguir cousas para Foz se quere que os veciños o valoren e déixese de comedias”.