Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG denuncia o novo aval do Goberno español aos incumprimentos de Alcoa

Cervo, 7 de marzo de 2025. A CIG denuncia a absoluta entrega do Goberno español aos plans de desmantelamento de Alcoa para o complexo de San Cibrao e o seu aval aos reiterados incumprimentos do acordo de viabilidade. A reunión celebrada este mércores no Ministerio de Industria coas direccións de Alcoa e IGNIS EQT e as cúpulas de CCOO-Industria e UGT-FICA en Madrid supón unha escalada no proceso de branqueamento dos proxectos da multinacional e un total desprezo ao comité, á CIG e aos demais sindicatos con representación na factoría mariñá. A exclusión da CIG e do comité de empresa é intolerábel e inxustificábel.

Que esta reunión, ao igual que a sinatura do memorando de entendemento (MOU) o pasado mes de xaneiro, se fixera de costas ao comité e aos sindicatos con representación neste -entre os que está a CIG-, deixa ás claras que o único obxectivo é lexitimar o incumprimento que Alcoa está facendo do acordo e asumir o plan de “inviabilidade” da multinacional, renunciando na práctica á realización da obra do forno e secuestrando como reféns os investimentos do rearranque e do DBR, o que deixa na estacada o futuro industrial da comarca.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, resulta intolerábel que o Goberno español e a Xunta de Galiza -tamén asinante do memorando- acepten deste xeito a grave situación que se vive no complexo industrial de San Cibrao, despois dos chamamentos feitos polos traballadores e traballadoras á implicación das distintas administracións, das mobilizacións realizadas neste sentido, e incluso das proposicións aprobadas no Parlamento para garantir o cumprimento dos investimentos e o futuro do emprego tanto na empresa principal como nas industrias auxiliares.

Denuncia Carril que a dirección de Alcoa leva incumprindo o acordo de viabilidade ano tras ano, particularmente no referido aos investimentos na planta. Lamenta que, neste contexto, as administracións públicas “están actuando da mesma forma a como fixeron a comezos de 2019 cando o ERE da Coruña e Avilés, de costas ao comité, da CIG e dos outros sindicatos que non sexan CCOO e UGT, asumindo como prioridade o plan de actuación de Alcoa e non o que os traballadores e traballadoras están demandando dende hai meses, que non é outra cousa que o cumprimento do acordo ou unha solución que pasa pola intervención da SEPI”.

Neste sentido, insta aos Gobernos español e galego a seguir o exemplo do ano 2021 e impulsar un proceso de negociación coa multinacional no que participen todos os sindicatos presentes no comité e o propio comité de empresa, así como obrigar a Alcoa a materializar xa os investimentos acordados para evitar que se repita a desfeita industrial e laboral das plantas da Coruña e Avilés.

Exit mobile version