Xove, 22 de marzo de 2025. A campaña GALICIA SABE AMAR foi unha das protagonistas da nova edición da Xove Costa Trail da man dunha foodtruck na que participantes, familiares e curiosos puideron gozar do mellor sabor do mar de Galicia. Alí estivo tamén o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que subliñou a importancia de promocionar hábitos saudables entre a cidadanía como é o deporte e o consumo de peixe, marisco e conservas no marco dunha dieta equilibrada. Nesta liña, recordou que estes alimentos presentan importantes beneficios como a aportación dunha proteína de calidade a prevención de doenzas cardiovasculares, fortalece o sistema inmunolóxico e mellora o funcionamento do sistema nervioso, entre outros.
O titular de Mar compartiu cos asistentes os distintos petiscos que ofrece de balde esta iniciativa nesta nova edición, lanzada no pasado mes de agosto e impulsada pola Xunta de Galicia, que xa percorreu todos os concellos de Galicia. Unha acción que reforza o apoio do Goberno galego á promoción dos produtos pesqueiros galegos nun contexto de descenso do consumo destes produtos cun dobre obxectivo, por un lado impulsar a súa presenza nas dieta da cidadanía, especialmente entre a xente máis nova, e por outro reforzar a cadea mar-industria como actividade estratéxica que representa o 5% do PIB e na que traballan ao redor de 50.000 persoas na comunidade.