Foz, 18 de marzo de 2025. O Concello de Foz continúa mellorando os servizos culturais, neste caso da súa biblioteca e sala de estudos. No ano 2021 a biblioteca municipal aumentou o seu horario ás tardes de luns a xoves, “servizo moi necesario e demandado. Agora configurase un novo horario que aumenta e mellora o servizo”, anuncia a concelleira de Cultura, Inés López Couto, que explica: “o novo horario de biblioteca será de luns a venres pola mañá de 8.30 a 14.00 e pola tarde de 15.00 a 20.00 horas, o que supón a nova apertura no horario do venres pola tarde. Esta semana xa estará aberta. Ademais o horario da sala de estudos tamén terá unha mellora: será de luns a venres de 8.30 da mañá a 8 da tarde de forma ininterrompida”.
Inés López destaca que “a boa acollida da apertura, no pasado mes de novembro, da sala de estudos da biblioteca de Foz demostra que é unha necesidade á que se lle deu unha boa cobertura e continuaremos traballando para incrementar servizos no eido cultural e educativo, para que Foz poda seguir medrando cos servizos necesarios. Queda moito por mellorar e sabémolo, polo que seguiremos investindo no incremento dos servizos da Casa da Cultura. Nas próximas semanas conmemoraremos os días do libro e das letras galegas e temos unha programación chea de actividades para pequenas e pequenos e grandes”.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, móstrase satisfeito “dun traballo que cremos indispensable para que a poboación teña acceso á cultura e a lugares de estudo cómodos e adecuados. Así mesmo seguiremos traballando en mellorar a Casa da Cultura, un edificio cheo de vida e no que dende os máis pequenos aos máis maiores poden atopar acubillo e un lugar para estar cheo da historia de Foz”.