A rexedora denuncia a falta de médicos de familia e a mala planificación do Sergas
A protesta, que se prevé multitudinaria, sairá ás 12:00 da sede de Cruz Vermella en Viveiro e percorrerá a vila cara ao centro de saúde, pasando pola ponte da Misericordia.
“A sanidade pública está en risco, e a situación da Atención Primaria é insostible”, advirte López. A rexedora critica que, en lugar de garantir que toda a poboación teña acceso a un médico de familia, “estamos vendo como miles de persoas quedan sen asignación porque non hai profesionais suficientes”.
Para a alcaldesa, o problema non radica só na escaseza de médicos, senón tamén nunha xestión deficiente. Advirte que a falta de reposición, a sobrecarga de traballo e a desorganización dos recursos están levando a Atención Primaria ao colapso.
“Hai que centrarse na Primaria, que é a base do sistema, non podemos pensar en grandes hospitais se antes non temos unha Atención Primaria sólida”, afirma.
A alcaldesa alerta de que se está a investir en tecnoloxía punta nos hospitais de referencia, como o HULA, mentres se descoidan as vilas e pequenas localidades, onde miles de persoas quedan sen médico de familia asignado. Na súa opinión, estase a poñer o foco en infraestruturas en lugar de atender as necesidades básicas da poboación.
López lembra que o sistema sanitario debe garantir que calquera persoa poida ser atendida por un médico de familia nun prazo de 24 ou 48 horas: “Agora mesmo en Ribadeo hai catro cupos sen médico de familia, en Viveiro a metade non están cubertos, e no Vicedo, en Ourol, en Trabada… e nunha grande listaxe, está a pasar en toda Galicia”.
Tamén é cuestionada a falta de planificación na contratación e estabilización do persoal. Considera que o SERGAS debería adoptar unha estratexia eficaz que evite a constante necesidade de cubrir baixas e vacantes de forma improvisada: “Non podemos permitir que o sistema funcione a base de parches, hai que apostar por condicións laborais dignas e unha planificación seria”.
Ademais, denuncia unha distribución inxusta dos recursos humanos nos hospitais. Expón que, se a poboación da área do HULA é de 200.000 persoas e a da Mariña de 80.000, a repartición do persoal debería ser proporcional: “Non pode ser que no HULA haxa 17 cardiólogos en activo e na Mariña só 1”.
Por todo isto, a alcaldesa de Burela insta á cidadanía a mobilizarse. Insiste en que “a sanidade pública é un dereito de todos e debemos defendela”. Reafirma que este domingo en Viveiro estarán na rúa esixindo solucións, “non só en termos de máis médicos, senón tamén dunha mellor xestión dos recursos existentes”.