Esta colaboración súmase a outras que están en vigor, e que están destinadas á recuperación, transformación e resiliencia de moluscos como o berberecho ou á avaliación da calidade do medio mariño e o seu efecto sobre o marisqueo
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, asinaron este venres o convenio de colaboración para a coordinación da realización de estudos referentes ao impacto que a redución da presión impositiva, en particular do IVE, tería sobre as preferencias dos consumidores de cara ao deseño dunha campaña de promoción do consumo de peixe que estimule a demanda.
En concreto, o obxectivo do acordo é a creación dun modelo de Equilibrio Xeral Computable (CGE), asociado ás Táboas Inpunt-Output de Galicia, que permita ampliar o rango de aplicacións e análises e, en particular, mellorar a medición da repercusión asociada a cambios nos impostos ou cambios nas preferencias dos consumidores. Deste xeito, unha vez programado o modelo, proponse aplicalo, en primeiro lugar, ao impacto da baixada do IVE do pescado e á modelización dunha campaña de promoción do consumo de peixe que estimule a demanda.
Esta colaboración coa universidade santiaguesa, que dispón dun orzamento total de 45.380 euros súmase a outras que están en vigor, como é o caso das dirixidas á realización do programa de ciencias mariñas dentro dos plans complementarios de I+D+I do plan de recuperación, transformación e resiliencia; o proxecto sobre a calidade do medio mariño e o seu efecto sobre o marisqueo, máis coñecido como Calimar; ou o dirixido á obtención de marcadores moleculares de resistencia á salinidade no berberecho, denominado Resalber.
A Xunta co sector
Neste senso, o responsable autonómico destacou que se trata dun paso máis para axudar a reverter esa tendencia decrecente no consumo e impulsar, en consecuencia, a economía que xerar un sector tan importante como o marítimo-pesqueiro; e que pon en valor, unha vez máis, o apoio do Goberno galego ao tecido da cadea mar-industria fronte á inacción doutras administracións que, malia ter as competencias, como é o caso do Goberno central, continúan se adoptar esta medida que tería notables beneficios fiscais e contribuiría a reactivar o sector. Así o avalan informes oficiais da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, o Eufoma, o Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura, u outras análises elaboradas por algúns dos maiores expertos en economía pesqueira da comunidade autónoma, e que certifican que tomar esta decisión redundaría nun aumento no seu consumo, na creación de emprego e na xeración de riqueza no país.
Precisamente, estes últimos indican que o impacto directo, indirecto e inducido no conxunto da economía galega traduciríase nun incremento total do valor engadido (VAB), que se situaría nos 28,5 millóns de euros, así como na creación de emprego, chegando a xerarse máis de 5.500 postos de traballo -non só en pesca, senón no conxunto de actividades-. Asemade, a recadación fiscal caería en 17,8 millóns de euros en Galicia.
Estes estudos inclúen un segundo suposto, no que non se traslada a rebaixa aos consumidores finais, pero o total do impacto materializaríase nun incremento do VAB de 19,1 millóns no conxunto da economía, con ata 1.232 postos de traballo adicionais que se poderían crear e un custo fiscal de 33,8 millóns de euros. Asemade, estas análises en termos microeconómicos reflicten na súa simulación incrementos de consumo superiores ao 5% para os produtos da pesca de baixura; do 3,4% na de litoral e do 3,2% para os que captura a frota de altura; do 6,5% para a de litoral; e un incremento por riba do 4% para o consumo da produción da acuicultura.