Xove, 6 de febreiro, 2025. Dos días 7 ao 8 de febreiro axentes de emprego e desenvolvemento (AEDL) de Carnota ( Dolores Pena-Presidenta de Afiprodel), Vimianzo (Rosa Sánchez-Secretaria de Afiprodel e Nieves Lema – Técnica de Cultura), Camariñas (María Jiménez), Santa Comba (Cristina Pereira), Fisterra (Osvaldo Santos), Muxía (Anabel Piñeiro), Ourol (Juan Ramudo), Viveiro (Amparo Catalán-Técnica de Emprego) e Xove (Rosa Lage) participaran nun encontro de boas prácticas de desenvolvemento local.
O obxectivo desta visita é ofrecer unha oportunidade de retroalimentación, un foro de aprendizaxe mútua sobre boas prácticas que conducen a un desenvolvemento local e sostible.
A asociación Afiprodel leva tempo organizando este tipo de visitas para AEDL´s.
Estas visitas teñen un formato no que se mesturan o coñecemento de proxectos empresariais, actividades culturais, turísticas e gastronómicas ao tempo que se tecen redes de colaboración.
O programa empeza á tardiña deste venres 7 de febreiro coa recepción no Lugar das Marías e coa explicación do proxecto emprendedor de Lucía Canoura que relatará a súa experiencia ao transformar a vivenda da súa avoa no acolledor establecemento hoteleiro que hoxe é, e tamén explicará o seu outro proxecto Vacaloura e Xurela que ten como obxectivo poñer en valor elementos emblemáticos de Xove.
Despois de compartir unha merenda/cea nese mesmo lugar, terá lugar un recital aberto no que as persoas participantes recitarán poesías e lerán textos con temática relacionada co municipio.
O sábado, despois dun bo almorzo de aldea, ás 9:30 o grupo será recibido no Salón de Plenos do Concello polo alcalde José Dementrio Salgueiro esta recepción contará coa actuación da Escola Municipal de Música.
A continuación despraaranse ao Parque Empresarial de Xove e Nieves Medina amosará o obradoiro artesanal de conserva e explicará como foi o proceso emprendedor que fixo posible que conservas Currimar se convertese na empresa de éxito que hoxe é.
Logo dirixiranse a Morás e realizarán a visita audioguiada elaborada pola Mancomunidade de Concellos A Mariña Lucense chamada: Tomás Mariño en Morás, entre baleas, dolos e Zeppelins cuxa ficción correu a cargo da compañía teatral Grupo Chévere.
No Restaurante A Cancela, máis coñecida pola Casa A Ponza, un establecemento familiar, con transmisión xeracional que é coñecido pola súa comida caseira e de calidade, terá lugar unha comida á que se unirán persoas emprendedoras e empresarias do municipio e que servirá de encontro para expoñer éxitos e inquedanzas.
Á tarde no local de A Repulida, o seu promotor Rubén Pico amosará o seu obradoiro de costura ao tempo que explicará como e en que consiste a súa idea emprendedora que conta coa calificación de Artesanía de Galicia.
Nese mesmo obradoiro Patricia Saburido relatará a súa experiencia Lebre de abril que consiste na elaboración artesanal de velas e ilustracións inspiradas en personaxes da mitoloxía e a literatura.
A visita rematará coa experiencia de Laura Lorca de Glarual Ecoshop que explicará o seu proceso emprendedor do seu obradoiro de costura creativa cuxa actividade principal é a elaboración de compresa de tea e complementos artesanais.