Xove, 21 de febreiro, 2025. O cartel de actividades para o Entroido 2025 xa está preparado en Xove e oferta este ano, desde un divertido baile de disfraces infantil o venres 28 de febreiro, ata o gran desfile de carnaval do sábado día 1 de marzo a partir das 17:00 h, onde se repartirán máis de 5.000€ en premios entre os mellores entroidos, comparsas e carrozas. Despois do desfile, o municipio de Xove promete un gran baile de disfraces ata a madrugada, amenizado con boa música.
A novidade deste ano, que comeza coma un proxecto ilusionante para o Concello de Xove, é a recuperación e posta en valor das dúas figuras tradicionais do entroido en Xove: a madamita e o galán. Estas dúas figuras foron recollidas e descritas na obra antropolóxica editada polo Concello de Xove e a Xunta de Galicia no ano 2006: A festa no aire. Tradición e lecer no Xove de antes. Nesta obra, as súas autoras: a traballadora social, Nelle Pérez Franco e a socióloga, Lucía Sánchez Meitín, realizaron durante o ano 2005 máis de cento cincuenta entrevistas ás persoas máis maiores das oito parroquias do municipio, relacionadas co tempo de ocio nas distintas partes do ano e da vida na sociedade campesiña que aquelas persoas recordaban. Durante estas entrevistas á veciñanza apareceron dúas figuras do entroido: a madamita e o madamito, das que lamentablemente non se atopou demasiado material gráfico.
Coa axuda das persoas entrevistadas, as autoras da obra realizaron a reprodución dun traxe e dun sombreiro de madamita, que foi unha das pezas fundamentais da exposición etnográfica realizada en Xove durante os meses de outubro e novembro do ano 2006, e que foi financiada polo Concello e pola Xunta de Galicia.
Durante estes case vinte anos que pasaron, o Concello non deixou de divulgar as súas figuras de entroido nos espazos dixitais e nas súas redes sociais. A gran novidade é que este ano 2025, o CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove sumouse con ilusión ó labor de recuperación e posta en valor das dúas figuras tradicionais do noso entroido: a madamita e o madamito de Xove, o que demostra o significativas que son para o noso patrimonio cultural inmaterial. Así, o alumnado traballa xa dende fai semanas na elaboración de dous manequíns con tódolos elementos dos traxes de madamita e madamito.
Previamente, mestres e mestras fixeron un traballo de divulgación do significado e a vestimenta das madamitas e galáns a través dunha presentación de diapositivas que cada grupo de alumnado visualizou na súa aula. Ademais, os Mandatos do Meco para o CEIP Pedro Caselles están este entroido 2025 relacionados coa formas de maquillaxe coa que as madamitas e os galáns pintaban as caras. As iniciativas propostas foron acollidas con ilusión polos nenos e nenas que incorporan estes entroidos dos seus devanceiros ó seu universo do carnaval actual.