Site icon Crónica3.com A Mariña

Xesús Alonso Montero presenta na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago o libro O latín, como “divinas palabras”, na vida e na obra de Álvaro Cunqueiro

O mércores 26 de febreiro o escritor e profesor Xesús Alonso Montero presenta na Facultade de Filoloxía da USC esta obra que edita a Casa Museo Álvaro Cunqueiro. Será no Salón de Graos ás 12:00h, con entrada libre e agasallo dun exemplar ás persoas asistentes.

Mondoñedo, 24 de febreiro, 2025. O evento dá comezo á semana na que se conmemora o cabodano de Álvaro Cunqueiro, que terá lugar o vindeiro venres 28 de febreiro e que se celebrará en Mondoñedo con diversos actos.

En O latín, como “divinas palabras”, na vida e na obra de Álvaro Cunqueiro Alonso Montero analiza polo miúdo a presenza da lingua e da cultura do Lacio na escrita e na andaina vital do autor mindoniense, compilando e estudando aqueles textos nos que o latín adquiriu protagonismo e especial transcendencia. Neste sentido, o ensaio presta particular atención á figura do latinista Francisco Fanego Losada, bo amigo de Cunqueiro e eximio profesor do Seminario de Mondoñedo, quen participou de moitas das empresas latinas do autor de Merlín e familia.

No acto, amais do autor da obra, intervirán tamén Xosé Carracedo Fraga, catedrático de Filoloxía Latina; César Cunqueiro, escritor e fillo de Álvaro Cunqueiro; Armando Requeixo, coordinador da CMAC; Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente e Cunqueiriano de Honra; e Elías Torres Feijoo, decano da Facultade.

Con esta publicación a Colección Selva de Esmelle da CMAC chega á súa oitava entrega, sumando este valioso traballo do profesor Xesús Alonso Montero a outros títulos referenciais para o cunqueirianismo debidos a César Cunqueiro, Víctor F. Freixanes, Miguel González Somovilla, Abel Vigo García, Claudio Rodríguez Fer, César Antonio Molina e Patricia Arias Chachero.

Exit mobile version