Cervo, 22 de febreiro de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este sábado na trixésimo primeira edición da Festa do Mexillón de San Cibrao, que organiza o Concello de Cervo, e na que puxo en valor o apoio da Xunta de Galicia a este sector que achega ao mercado da cadea mar-industria unhas 270.000 toneladas anuais deste molusco e unha facturación de preto de 23 millóns de euros.
As rías galegas contan cun rexistro de 3.573 bateas pertencentes a 45 asociacións diferentes; de aí que a Consellería, tal e como lembrou Villares, renovase en xaneiro a súa alianza co Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, destinada á mellora da promoción e da comercialización deste produto que, ademais, é o primeiro que obtivo este distintivo de calidade en Europa e é o único de España. Este acordo, dotado con 40.000 euros, é un exemplo do compromiso que o Goberno galego ten co sector e súmase ao apoio que vén recibindo este colectivo por parte da Administración autonómica dende 2021. En total, máis de 650.000 euros.
Cita clave na axenda gastronómica mariñá
A Festa do Mexillón é unha das convocatorias clásicas da axenda gastronómica deste municipio e de toda a comarca. Os dez establecementos participantes puxeron a disposición dos asistentes ao longo de todo o día unha vintena de receitas deste molusco, como exemplo da conexión que ten esta vila co mar. Villares non dubidou en exaltar a calidade do mesmo e animou ao seu consumo pois, sinalou, ademais de ter consecuencias positivas dende o punto de vista económico, tamén supón un beneficio para a saúde.