O conselleiro do Mar puxo en valor que nos vindeiros meses está prevista a reparación do porto de descarga do Vicedo así como as obras de mellora e acondicionamento dos departamentos para armadores do porto de San Cibrao
Viveiro, 18 de febreiro de 2025. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo un encontro cos patróns maiores das confrarías da Mariña lucense para abordar as necesidades do sector pesqueiro e dar conta das actuacións que se están desenvolvendo desde o Goberno galego no deseño e execución de actuacións concretas. Así, resaltou a importancia de celebrar este tipo de xuntanzas que serven para reforzar o diálogo e estreitar a colaboración entre a Administración autonómica e os pósitos en beneficio dos profesionais do mar.
O titular de Mar, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, puxo en valor que nos vindeiros meses está prevista a reparación do porto de descarga do Vicedo así como o inicio das obras de mellora e acondicionamento dos departamentos para armadores do porto de San Cibrao que supón un investimento de 375 mil euros. Ademais, en primaveira e en función da climatoloxía acometerase a renovación do alumeado e dotación de LED no porto de Celeiro por valor de 120 mil euros e a finais de ano dará inicio a obra de urbanización da fachada marítima na contorna da oficina portuaria e os departamentos de armadores no que a Xunta investirá 300 mil euros.
Tamén informou que a redacción e licitación do proxecto de reforzo exterior do dique da dársena norte do porto de Celeiro está pendente do informe de Costas do Estado desde agosto do 2022. Por outra banda, resaltou a presentación de proxectos por parte das confrarías ao abeiro da orde de axudas para equipamentos portuarios que permitirá afondar na competitividade e sostibilidade da actividade pesqueira na Mariña lucense e manifestou a vontade do departamento autonómico de traballar na procura fórmulas que permitan ampliar a oferta de cursos de formación para os profesionais como así o demandan desde o propio sector.