Site icon Crónica3.com A Mariña

Vegadeo acolle o VI Encontro de Bolillos o 15 de febreiro

Vegadeo, 6 de febreiro de 2025. O Concello de Vegadeo organiza o vindeiro sábado 15 de febreiro o VI Encontro de Bolillos, unha cita que reunirá a artesás e afeccionados a esta tradicional técnica téxtil no Recinto Feiral da localidade. O evento desenvolverase en horario de mañá e tarde, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00.

Este encontro ten como obxectivo fomentar a artesanía do encaixe de bolillos, poñendo en valor un labor de gran tradición que se transmitiu de xeración en xeración. Durante a xornada, os asistentes poderán gozar dunha exposición de traballos e coñecer de primeira man o proceso de elaboración destas pezas, ademais de intercambiar coñecementos e experiencias con encajeras de diferentes puntos do país.

Ademais celebrarase un taller especial de bordado Sashiko, organizado por “Mi Muñeca de Trapo”. Nesta actividade, os participantes poderán elaborar pousavasos decorativos mentres aprenden esta técnica xaponesa de bordado. Inscricións en mimunecadetrapo.com@gmail.com ou chamando ao 686 67 76 86

O Concello de Vegadeo destaca a importancia de preservar e difundir este tipo de manifestacións culturais, que forman parte do patrimonio inmaterial do municipio. Así mesmo, convida a veciños e visitantes a participar nesta xornada e descubrir a riqueza do encaixe de bolillos.

Exit mobile version