O alcalde, Rubén García, explicou os detalles desta actuación: “A solicitude presentámola ás 12:04, só catro minutos despois da apertura do prazo, para optar a esta subvención que nos permitiría instalar pérgolas con cuberta verde e un peche natural no campo de bolos dentro do complexo deportivo. Trátase dunha intervención que mellorará a comodidade deste espazo, ofrecendo novas zonas de sombra e descanso para veciños e visitantes”.
O Concello continúa así coa súa aposta por potenciar e ampliar os servizos deste recinto deportivo, onde xa se construíron unha pista de pádel, unha pista multideporte, un campo de bolos tradicionais e unha tirolina infantil. Ademais, nos próximos meses comezarán as obras dun circuito de bicicletas pump track e está prevista tamén a instalación dun tobogán infantil.
O alcalde destacou a importancia de aproveitar todas as oportunidades de financiamento dispoñibles das distintas administracións:: “Desde o Concello de Trabada solicitamos todas as axudas para as cales cumprimos os requisitos co obxectivo de seguir executando proxectos que melloren o noso municipio”.
Con esta nova solicitude, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas locais e coa creación de espazos de lecer de calidade para a veciñanza.