Trabada, 25 de febreiro de 2025. O Concello de Trabada vén de solicitar unha axuda á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, dentro dunha convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, para a creación de novos espazos verdes e melloras no complexo deportivo municipal. O proxecto presentado ascende a 75.000 euros e inclúe a instalación dunhas zonas de sombra verdes e un peche natural para o campo de bolos tradicionais.
O alcalde, Rubén García, explicou os detalles desta actuación: “A solicitude presentámola ás 12:04, só catro minutos despois da apertura do prazo, para optar a esta subvención que nos permitiría instalar pérgolas con cuberta verde e un peche natural no campo de bolos dentro do complexo deportivo. Trátase dunha intervención que mellorará a comodidade deste espazo, ofrecendo novas zonas de sombra e descanso para veciños e visitantes”.
O Concello continúa así coa súa aposta por potenciar e ampliar os servizos deste recinto deportivo, onde xa se construíron unha pista de pádel, unha pista multideporte, un campo de bolos tradicionais e unha tirolina infantil. Ademais, nos próximos meses comezarán as obras dun circuito de bicicletas pump track e está prevista tamén a instalación dun tobogán infantil.
O alcalde destacou a importancia de aproveitar todas as oportunidades de financiamento dispoñibles das distintas administracións:: “Desde o Concello de Trabada solicitamos todas as axudas para as cales cumprimos os requisitos co obxectivo de seguir executando proxectos que melloren o noso municipio”.
Con esta nova solicitude, o Concello de Trabada reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas locais e coa creación de espazos de lecer de calidade para a veciñanza.