Site icon Crónica3.com A Mariña

Trabada e Barreiros solicitan unha subvención conxunta para mellorar viarios municipais

Trabada, 28 de febreiro de 2025. O Concello de Trabada e o Concello de Barreiros veñen de solicitar unha subvención conxunta de máis de 50.000 euros para a reforma dunha vía municipal que conecta a parroquia de Fórnea, en Trabada, con Vilamartín Pequeno, en Barreiros.

O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a importancia de colaborar con concellos veciños para acceder a fondos que permitan a mellora da rede viaria. “Sempre buscamos acadar o máximo posible de subvencións, incluso traballando en conxunto con outros concellos, como xa fixemos no pasado con Ribadeo para a reforma dunha ponte e estrada municipal”, explicou.

Esta solicitude enmárcase na estratexia de ambos gobernos locais para seguir mellorando a calidade de vida da súa poboación mediante investimentos clave na infraestrutura municipal.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, sinalou “a importancia de colaborar cos concellos veciños para lograr mellores investimentos para a veciñanza, neste caso, o arranxo de vías públicas que conectan ambos concellos e co que se verá beneficiada a poboación de ambos.”
A rexedora agradeceu a disposición do Concello de Trabada para tramitar dita subvención, amosando unha vía de colaboración que xa se ten dado en anteriores ocasións con este mesmo Concello e outros limítrofes.

Ermida manifestou a necesidade de contar cunha planificación previa para ser quen de concorrer a axudas que, en moitas ocasións, non se valoran por necesidades dos Concellos, senón por mera orde de chegada, causando unha notable incertidume nas arcas municipais, que descoñecen os recursos dos que van dispoñer.”

Exit mobile version