No espectáculo os cómicos farán partícipe ao público dunha aventura virtual sobre o escenario que será tamén unha viaxe chea de obstáculos e personaxes de todo tipo
Nesta ocasión os teatros de toda Galicia serán o escenario no que se mesturarán dúas realidades, con personaxes presentes e outros ao outro lado dun videoxogo creado para a ocasión e no que o público terá ocasión de participar.
Pasado o tempo da pandemia anúnciase que o antídoto contra calquera novo virus está moito máis cerca do previsto. É momento de emprender un emocionante camiño cheo de obstáculos e emocións para atopar o remedio a todos os problemas futuros. Unha viaxe chea de seres estraños, personaxes xa coñecidos e outras criaturas xamáis vistas…
O auditorio da sede de Afundación en Pontevedra acollerá a estrea do espectáculo o venres 7 de marzo, como inicio dunha xira que levará a Touriñán e Perdomo ata Ourense, Burela, A Coruña, Vilalba, Vigo, O Grove e Lugo. Para o outono quedarán outras tantas localidades nas que tamén será posible desfrutar desta experiencia teatral inédita, producida por Ainé.
A través da web do espectáculo, www.corentena.gal, é posible mercar xa as entradas para boa parte das funcións, en prezos que varían en función das zonas en cada teatro, entre os 15 e os 20 euros.
‘Corentena · Game Over’ aspira a repetir o sensacional éxito da primeira parte desta saga, que viron máis de 20.000 espectadores no 2024.
Os propios David Perdomo e Xosé A. Touriñán son os artífices dos textos deste novo espectáculo, que producen Laura Canto, Javi Lopa e Álvaro Pérez Becerra, co deseño de audiovisuais a cargo do animador Nacho Laya, e a iluminación de Gonzalo Porteiro. A identidade gráfica é obra de The Art Warriors.
As datas da xira, entre marzo e xuño