No espectáculo os cómicos farán partícipe ao público dunha aventura virtual sobre o escenario que será tamén unha viaxe chea de obstáculos e personaxes de todo tipo
A Coruña, 13 de febreiro do 2025. Xosé A. Touriñán e David Perdomo saen de novo de xira xuntos. ‘Corentena · Game Over’ é o título da súa nova proposta, a continuación do exitoso espectáculo ‘Corentena’, que á súa vez levou o pasado ano aos escenarios as conversas que os cómicos mantiveron por Instagram nas noites da pandemia diante de decenas de milleiros de espectadores.
Nesta ocasión os teatros de toda Galicia serán o escenario no que se mesturarán dúas realidades, con personaxes presentes e outros ao outro lado dun videoxogo creado para a ocasión e no que o público terá ocasión de participar.
Pasado o tempo da pandemia anúnciase que o antídoto contra calquera novo virus está moito máis cerca do previsto. É momento de emprender un emocionante camiño cheo de obstáculos e emocións para atopar o remedio a todos os problemas futuros. Unha viaxe chea de seres estraños, personaxes xa coñecidos e outras criaturas xamáis vistas…
O auditorio da sede de Afundación en Pontevedra acollerá a estrea do espectáculo o venres 7 de marzo, como inicio dunha xira que levará a Touriñán e Perdomo ata Ourense, Burela, A Coruña, Vilalba, Vigo, O Grove e Lugo. Para o outono quedarán outras tantas localidades nas que tamén será posible desfrutar desta experiencia teatral inédita, producida por Ainé.
A través da web do espectáculo, www.corentena.gal, é posible mercar xa as entradas para boa parte das funcións, en prezos que varían en función das zonas en cada teatro, entre os 15 e os 20 euros.
‘Corentena · Game Over’ aspira a repetir o sensacional éxito da primeira parte desta saga, que viron máis de 20.000 espectadores no 2024.
Os propios David Perdomo e Xosé A. Touriñán son os artífices dos textos deste novo espectáculo, que producen Laura Canto, Javi Lopa e Álvaro Pérez Becerra, co deseño de audiovisuais a cargo do animador Nacho Laya, e a iluminación de Gonzalo Porteiro. A identidade gráfica é obra de The Art Warriors.
As datas da xira, entre marzo e xuño