José Tomé Roca destacou na Asemblea Xeral celebrada en Viana do Castelo este martes que coa adhesión da capital chairega serán cinco as entidades membro da provincia que forman parte deste organismo de cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal
Lugo, 18 de febreiro de 2025. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, reivindicou o peso da provincia no Eixo Atlántico tras a incorporación de Vilalba, aprobada este martes na Asemblea Xeral celebrada no Monte de Santa Luzia da cidade portuguesa de Viana do Castelo. Coa adhesión da capital chairega serán cinco as entidades membro da provincia que formen parte deste organismo de cooperación transfronteiriza entre Galicia e norte de Portugal: os concellos de Monforte de Lemos, Sarria, Lugo e Vilalba e tamén a Deputación.
“Xa somos a segunda provincia de Galicia, despois da Coruña, con máis peso específico no Eixo Atlántico, o que reflicte a implicación do noso territorio na construción dun espazo común en ámbitos tan relevantes como o desenvolvemento económico, o turismo, a mobilidade, a cultura ou a sustentabilidade”, valorou Tomé Roca. Un aumento de peso que cualificou de “importante” no que ten que ver co “reforzo da posición de Lugo dentro da Eurorrexión, facilitando o acceso a proxectos europeos, redes de colaboración e estratexias conxuntas que favorecen o crecemento e a competitividade do territorio”.
Xunto ao mandatario provincial participaron neste encontro a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e a de Vilalba, Marta Rouco, que tamén asistiron onte nos actos inaugurais da VIII Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025 que este ano é precisamente Viana do Castelo, collendo o relevo da capital lucense.
Á reunión asistiron alcaldes e representantes das 38 entidades galegas e portuguesas que conforman desde hoxe este organismo, tras a incorporación das vilas de Vilalba e de Betanzos, co obxectivo de facer balance do último ano, aprobar o programa para a anualidade 2025, que contará cun orzamento de 5,09M€ parte a mellorar a resiliencia das cidades e a sustentabilidade do territorio. Na cita deron tamén luz verde a dúas novas liñas temáticas de traballo: buscar o posicionamento da economía circular tamén mediante unha estética diferente a través do movemento da Nova Bauhaus Europea e un cambio de hábitos e desenvolvemento social.
No que ten que ver co programa de actividades aprobado para o 2025, sinalaron na reunión que está marcado polo inicio da nova Comisión Europea, pola situación bélica de Ucraína e Gaza e tamén pola toma de posesión de Trump nos Estados Unidos. A proposta mantén os programas de éxito do Eixo Atlántico que implican un maior protagonismo e participación social por parte das entidades membro e ten previstas actividades no ámbito dos estudos e do coñecemento, da innovación social, da sustentabilidade urbana, da economía, da comunicación e da Unión Europea e Relacións Internacionais..