Foz, 7 de febreiro de 2025. Ata o 14 deste mes segue a campaña de San Valentín de AciaFozCCA, que sorteará 500 euros en vales e compra. Ademais do 10 ao 16 de febreiro haberá cóctel e doces afrodisíacos en catros locais hostaleiros.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, explicou que “na campaña de San Valentín poden participar todas as persoas que realicen compras por importes superiores a 10 euros ata o mesmo 14 de febreiro. Nas tendas recibirán os boletos para o sorteo, que terá lugar o 17 de febreiro a través de Radio Foz”.
AciaFozCCA porá en xogo 5 vales de compra por importe de 100 euros cada un “para animar as vindeiras semanas nos negocios de Foz”. Os números premiados serán publicados nas redes sociais de AciaFozCCA e na páxina web: www.aciafozcca.com
Paleo anima “a facer as compras destas datas no comercio local, onde atoparemos todo o que precisamos para sorprender ás nosas parellas”.
En Foz haberá tamén doces e cóctel afrodisíacos para celebrar San Valentín do 10 ao 16 de febreiro. Participan coas súas propostas: Anduriña, Marexada, Xoyma e Los Dulces de Delphine.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, dixo que “queremos que a xente celebre o Día dos Namorados degustando algunha destas propostas, que xa son tradicionais na nosa campaña de San Valentín. Ademais na hostalería tamén atoparemos menús especiais preparados para que poidamos gozar desta data dun xeito especial”.
AciaFozCCA conta para esta campaña coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Foz.