Site icon Crónica3.com A Mariña

Rouco: “A falta de transparencia, de regulamentación específica e de respecto aos informes técnicos, son tres das liñas mestras da alcaldesa de Burela”

O portavoz do PP de Burela asegura que “no último pleno quedou de manifesto este proceder da señora López Moreno neste mandato”

Burela, 3 de febreiro de 2025. O portavoz do PP de Burela, Manuel Rouco, sinala “a falta de transparencia, a falta de regulamentación específica e a falta de respecto aos informes dos técnicos municipais que non apoien o que di a alcaldesa” como “tres das liñas mestras da política que leva desenvolvendo a señora López Moreno neste mandato. Así quedou de manifesto tamén no último pleno”, engade.

O popular lembra que, “como levamos denunciando dende o comezo do mandato, non se actualizou o portal de transparencia do Concello onde figuran as actas dos plenos e xuntas de goberno para que calquera veciño ou veciña poida coñecer o que se aproba ou deixa de aprobar no Concello”.

Rouco incide tamén en que “se demostrou ben ás claras no propio Pleno a actitude da rexedora en relación á súa postura sobre a regulamentación do teletraballo no propio Concello”. O Grupo Municipal Popular facía unha proposta para evitar tratos diferenciados entre os traballadores -con posibles privilexios para uns e cargas para outros- e a alcaldesa socialista presentaba unha emenda e votaba en contra alegando que “ela mesma é a responsable dos recursos humanos do Concello e decide quen pode e quen non pode teletraballar”, segundo subliña o popular.

A iniciativa do Partido Popular, que foi aprobada, pretendía tamén que “os propios veciños e veciñas puidesen estar informados de que días e a que horas poderían dirixirse a determinadas áreas do Concello para facer as súas consultas”.

REPAROS EN FACTURAS POR 170.000 EUROS

O popular afea, por outra banda, que “a señora López Moreno non admita que ninguén lle leve a contraria, nin sequera os técnicos municipais aos que di respectar”. Así o manifesta despois de que “a alcaldesa firmara a comezos de xaneiro un decretazo para levantar os múltiples reparos que contiña o informe de Intervención emitido a finais do ano 2024 para pagar facturas do Concello que, no seu conxunto, ascendían a máis de 170.000 €”. Neste caso, “como non lle conviña, contradixo aos técnicos especialistas na materia”.

Exit mobile version