O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, dixo que “desde o noso equipo de goberno queremos informar que, debido á falta de mantemento nos últimos anos por parte do anterior goberno municipal, vémonos na obriga de substituír os quentadores dos vestiarios tanto do estadio Pepe Barrera como do Campo de Outeiro. Esta actuación é imprescindible para garantir o bo funcionamento das instalacións e ofrecer unhas condicións adecuadas aos usuarios”.
O edil ribadense sinalou: “seguimos traballando para recuperar todas as instalacións deportivas e devolvelas ao estado no que deberían terse mantido ao longo dos anos. A falta de mantemento anterior xerou unha acumulación de avarías que agora requiren un investimento importante para a súa reparación”.
Silvent subliñou que “o noso compromiso é seguir mellorando as infraestruturas deportivas para que todos os deportistas e afeccionados poidan gozar delas en condicións óptimas”.