Ribadeo, 17 de febreiro de 2025. O Salón dos Alcaldes acolleu este venres a xuntanza da Mesa Local de Comercio, paso previo á solicitude da subvención para a dinamización do Centro Comercial Aberto, que solicitará Acisa Ribadeo ante a Dirección Xeral de Comercio.
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, foi o encargado de relatar o programa de actividades que se desenvolverán ao longo deste 2025 con cargo á devandita subvención, que foi aprobado por unanimidade.
A concelleira de Comercio, Marta Saiz, indicou que “Concello e Acisa seguirán a traballar xuntos en moitas actividades co fin de dinamizar Ribadeo durante todo ano, pero sobre todo en épocas de menos afluencia turística á nosa vila como poden ser o outono, o inverno ou o comezo da primavera. É certo que cada vez é máis frecuente atoparse con visitantes en Ribadeo calquera día do ano, pero si engadimos actividades con tirón conseguiremos que iso, pouco a pouco, vaia a máis”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que “Acisa é un referente comercial e turístico en Galicia e tamén en Asturias. O ano pasado organizamos medio cento de actividades, e cada vez poñemos o listón máis alto para intentar superarnos. Non é fácil, pero entre a directiva, a xerencia, as asociadas e asociados, os patrocinadores privados e co apoio das administracións agardamos poder conseguilo”.