Site icon Crónica3.com A Mariña

Rematadas as obras de mellora da rede de abastecemento na rúa Lamestra de Burela

Burela, 13 de febreiro de 2025. O Concello de Burela informa do remate das obras de ampliación e mellora da rede de abastecemento na rúa Lamestra. O seu prezo de licitación foi de 48.315,45 euros, e foron subvencionadas pola Xunta de Galicia, que aportou 41.072,36€.

A actuación permitiu mellorar o abastecemento de auga nesta rúa e nos seus cruces, creando un sector diferenciado do anterior, comprendido entre as rúas Eijo Garay, Avenida da Mariña e Nosa Señora do Carme. O obxectivo desta sectorialización é localizar fugas de xeito máis sinxelo.

“Seguimos mellorando a rede de abastecemento de Burela, que xa é de por si unha rede moi eficiente”, sinala o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey.

“A verdade é que non estamos tendo moitas avarías grazas a todas estas actuacións que estamos facendo”, explica o edil. “Xa tiñamos sectorizada a rede en 7 zonas, con esta nova autorización pasamos a ter 8”, engade.

Fernández Rey explica que “o obxectivo é seguir sectorizando zonas, basicamente para ter moi controlada a rede e saber practicamente no momento onde hai fugas e ir directamente a solucionalas”.

“Deste xeito gañamos en eficiencia e rapidez para solucionar calquera tipo de problema”, afirma o edil, que indica que “este é o obxectivo final destas obras que se están facendo, dada a importancia tanto medioambiental como económica da perda de auga”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Burela, Carmela López, indicou que “Burela ten uns índices moi altos de eficiencia na rede de abastecemento, pois rondamos o 90%”.

“Queremos seguir pulando para chegar ao 100%, é difícil, pero nós traballamos para intentar non ter ningún tipo de fuga na rede”, subliñou a rexedora.

“Continuaremos traballando por mellorar todos aqueles aspectos da rede nos que vexamos que temos algún tipo de dificultade ou que poidamos mellorar”, concluíu.

Exit mobile version