A Mariña, 14 de febreiro, 2025. Queremos Galego presentou esta mañá en rolda de prensa a manifestación que sairá da Alameda de Santiago de Compostela, o 23 de febreiro ás 12h, e rematará na Praza do Obradoiro, onde está previsto celebrar unha actuación musical. A plataforma de defensa da nosa lingua anima a cidadanía da Mariña a transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora, o día de Rosalía, reclamando Lingua vital xa! Haberá autobuses desde A Mariña a un prezo de 5 euros. Para anotarse hai que chamar aos teléfonos 982 581861 ou 982 140654.
Na presentación, participaron representantes de máis de 15 entidades culturais, sociais, políticas e sindicais da Mariña e persoas comprometidas coa nosa lingua. “A lingua é vital para Galiza e centos de persoas e colectivos xa están a actuar”, afirmou na rolda Mónica Pazos, coordinadora de Queremos Galego.
Neste sentido, a voceira da plataforma na Mariña, Paula Jorge, denunciou un “pacto do enterro do galego”, fronte ao que a cidadanía está a reaxir, “co impulso á vida do noso idioma, vital para o noso pobo”. “A lingua é vital para a existencia de Galiza”, recordou, “e os poderes públicos teñen que garantila, en todos os espazos e para todos os usos”. De aí o lema da manifestación do 23F, explicou Mónica Pazos: “Lingua vital xa! é a enerxía que todo un pobo vai mostrar o Día de Rosalía para transformar a emerxencia lingüística en forza reparadora”. “Do mesmo xeito que Rosalía inaugurou o rexurdir da lingua galega na literatura, o día do seu nacemento comezará o rexurdir do noso idioma co compromiso e implicación do pobo galego”, engadiu Pazos.
Esta semana no acto de constitución das comisións para a revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega comprobouse que é un proceso contrario á transparencia, participación e pluralidade acordada e imprescindível para chegar a un acordo que verdadeiramente impulse accións a favor da lingua galega. Porén, para a voceira de Queremos Galego o grave é observar como “lonxe de pretender a aplicación do PXNLG, avaliar o seu cumprimento e actualizalo onde for preciso”, o que busca a Xunta con este procesoé “ deseñar un novo Plan á medida do Partido Popular , para derrogar a oficialidade formal do galego”. “Só lle vale rebaixar os obxectivos indefinidamente até que deixe de existir o galego”, denunciou Paula Jorge.
“Neste momento non só non están a traballar para eliminar as liñas vermellas, senón que están impoñendo outras novas”, lamentou, á vista da aprobación dunha lei que abre a porta a que a TVG deixe de usar a nosa lingua, do rexistro dun proxecto de lei de Intelixencia artificial que non contempla ningunha medida para asegurar o dereito de uso e oferta de galego no uso desta tecnoloxía na administración ou da votación contra á aplicación do PXNLG ou da oficialidade do galego na UE, necesaria para que o galego estea contemplado nos requisitos lingüísticos da lexislación europea.
“Este é o pacto perverso de rendición e morte do idioma que está a oferecer Rueda”, lamentou Jorge. E engadiu: “Para reducir máis a oferta de galego na administración, non conten connosco; para excluír máis o galego na oferta televisiva, non conten connosco; para manter un decreto que asegura que 70% dos nenos e nenas que entran na escola falando galego abandonen o seu uso, non conten connosco; para manter os impedimentos ao uso do galego nas actividades comerciais, non conten connosco”.