Os eventos darán comezo o día 2 e rematarán o 7 de marzo co Gran Desfile
Barreiros, 20 de febreiro de 2025. O Concello de Barreiros, a través da súa Concellería de Dinamización, presentou este xoves a programación do Entroido Barreiros 2025, unha proposta chea de diversión, participación e tradición na que teñen cabida actividades para todas as idades.
A actividade entroideira dará comezo o domingo 2 de marzo coa Festa Infantil de Entroido que terá lugar no centro sociocultural de San Cosme de 17 a 20 horas. A cativada poderá gozar dunha tarde chea de cor e fantasía con animación musical, xogos, baile e agasallos para as persoas que acudan disfrazadas. O espazo contará unha decoración especial elaborada polo obradoiro de emprego.
O mércores 5 de marzo, o Concello de Barreiros organiza un Obradoiro infantil de Disfraces como medida de conciliación familiar neses días non lectivos. Para participar no obradoiro, que terá lugar no centro sociocultural de 10 a 13 horas, será preciso formalizar inscrición previamente nas oficinas xerais do Concello de Barreiros xa que a actividade está limitada a 40 prazas que se adxudicarán por orde de rexistro dando prioridade ás crianzas empadroadas no concello. As nenas e nenos participantes artellarán disfraces dando renda solta á súa creatividade utilizando diferentes técnicas e materiais.
Como colofón á programación deste entroido, o venres 7 de marzo, terá lugar o Gran Desfile de Entroido que repartirá 1.000 euros en premios. O percorrido contará con reforzo de iluminación e puntos de exhibición sinalados para que o público poida gozar de todo o esplendor do desfile. O Concello manterá o formato áxil do ano pasado que tivo moi boa aceptación. Saída ás 21 horas desde a Praza do Concello, desfile pola N-634, baixada pola estrada da praia (teleclub) e remate a carón do centro sociocultural.
Ao remate do desfile, haberá festa con Even-Tec e postos de comida situados na Praza do Concello.
O concelleiro de dinamización, Dani García, destacou o traballo que hai detrás desta programación e a aposta do Concello por manter vivo o Entroido en Barreiros: “Quixemos deseñar unha programación para todos os públicos. A festa infantil e o obradoiro de disfraces están pensando para as familias , mentres que o Gran Desfile consolidouse como unha cita imprescindible no noso calendario festivo”.
Ademais, García puxo en valor a implicación das comparsas locais na organización do desfile: “Queremos destacar o apoio e implicación das comparsas locais Habelas Hainas e Macanudos, que colaboran activamente na organización do desfile e contribúen a que esta festa sexa cada ano máis especial”.
Toda a información, así como as follas de inscrición, bases e demais documentación estará dispoñibles na web municipal www.concellodebarreiros.gal a partir do venres 21 de febreiro.