A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “a edición 2025 do Entroido de Foz vén cargada de actividades e eventos. Foz vive a emoción dos días previos aos seus grandes momentos, que teñen o seu culmen no gran desfile, que se celebrará o sábado 1 de marzo. As inscricións para o mesmo abriranse o día 10 de febreiro. O programa deste Entroido comeza coa cea de coroación da Raíña, Coral Rey Oliveros, que recibirá a coroa de Carlota Fernández del Riego, o sábado 15 de febreiro na carpa da rúa Atalaia. A cea que está sendo récord en afluencia, estará amenizada polos djs Alejandro Martínez e Mia Disko. Ese día a partir das 12 da mañá as comparsas de Foz tocarán polas rúas. O xoves 27 de febreiro é xoves de comadres. Pola tarde inaugurarase a exposición dedicada aos pregoeiros deste ano, You e Caxé, dous referentes na realización do plan en Foz. A partir as 21:30 horas a cea de comadres, organizada por Afammer e Amas de casa Virxe do Carme, comezará na Sala Bahía e será amenizada polo grupo Mar de Arousa. Para anotarse nesta cea será necesario contactar nos locais destas asociacións no Centro Social. O venres 28 é o turno das coplas e o pregón, na carpa da rúa Atalaia a partir das 8 da tarde”.
O concelleiro de Xuventude, Ángel Fernández Neira, explica: “traballamos en mellorar todas as medidas de seguridade. Dende a disposición da carpa, con máis saídas de emerxencia, ata a colaboración dos bombeiros do parque comarcal de Barreiros, que terán un dispositivo especial o día da coroación alí. Ademais incrementarase a seguridade privada e os controis de accesos”.
O sábado 1 chega o día grande do Entroido de Foz, o día do desfile. Este ano sufre unha modificación no seu horario, xa que sairá ás 16:30 horas. “Este cambio prodúcese polas peticións dos grupos, para mellorar o funcionamento do desfile”, explica a concelleira de Cultura, que engade: Coma nos últimos anos colocarase un graderío na explanada portuaria, as entradas poderán adquirirse a partir do 20 de febreiro no CENIMA. Este ano os presentadores serán Juan Varela e Pepo Suevos. A partir das 12 da noite comezará o baile do Entroido cos grupos Origen e La Bamba. Á 1.30 horas será a entrega de premios do desfile.
O domingo 2 é o día do baile infantil, no que haberá inchables, xogos e a actuación de La Guagua, para os máis pequenos. Ás 19:30 horas será a entrega de premios das categorías infantís do desfile. Ás 20:30 horas chegará o Touporroutou no salón de actos do colexio Martínez Otero, organizado pola asociación A Pomba do Arco.
O luns 3 o protagonismo é para os farolillos e para a realización do plan. Por todo Foz grupos, individuais e parellas representan o Entroido máis tradicional, para a partir das 23:00 horas desfrutar do baile do farolillo (concurso á 1.00 horas). Antes, na Sala Bahía, a asociación o Feitizo organiza un baile do farolillo infantil, a partir das 17:30 horas.
O martes 4 os protagonistas son os máis pequenos. A asociación de Amas de Casa xunto co Concello organizan un baile infantil, con maxia, xogos e moito máis.
E para despedir o Entroido o día 7 de marzo ás 20:30 horas partirá do Campo da Cabana a comitiva fúnebre que acudirá á Queima. Será na Praza Conde de Fontao e prégase loito rigoroso.
“Traballamos nun programa que abarque todas as idades e no que todo o mundo se sinta parte. O Entroido é dos que viven e o desfrutan. Todas as peñas e participantes levan meses traballando para gozar ao máximo desta festa, facendo pobo e acollendo aos visitantes. Agardamos que sexan unhas datas de ledicia para todos”, finaliza a concelleira de Cultura.
E o alcalde, Fran Cajoto, móstrase “animado ante un novo Entroido, que comezou en novembro coa elección da Raíña e que seguro que vai ser espectacular. Coidaremos ao máximo os detalles, para os que xa levamos tempo traballando e que co engadido da ilusión de todos os participantes, sabemos que redundará nun éxito”.