As actuacións contan cun investimento de ata 700.000 euros e mellorarán a conservación do ecosistema dunar e a accesibilidade e seguridade na zona
Viveiro, 15 de febreiro de 2025. O delegado do Goberno, Pedro Blanco Lobeiras, acompañado da subdelegada do Goberno, María Isabel Rodríguez López, o xefe do Servizo Provincial de Costas, José Miguel Estevan Dols, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, presentaron hoxe en Covas as novas actuacións previstas para a recuperación e posta en valor das dunas da praia de Covas, así como a mellora da pasarela sobre o río Landro.
O proxecto de recuperación das dunas, o cal aínda se atopa en fase de tramitación e conta cun orzamento aproximado de entre 500.000 e 600.000 euros, inclúe a erradicación de especies invasoras, a repoboación con especies autóctonas, a instalación de novas pasarelas accesibles con bancos para mellorar os accesos desde o paseo á zona de baño e a execución do vallado de dunas con postes e cordas para a súa protección e posta en valor.
Este proxecto non require tramitación ambiental e terá un prazo estimado de execución de 3 a 4 meses.
Por outra banda, tamén se contempla a mellora da pasarela sobre o río Landro cun investimento duns 100.000 euros, coa finalidade de evitar que os peóns resbalen e mellorar a seguridade dos viandantes.
Ademais, no marco das actuacións municipais relacionadas co patrimonio natural e infraestruturas, o Concello de Viveiro informa dos avances na tramitación para a cesión de varios terreos pertencentes ao Dominio Público Marítimo Terrestre, incluída a explanada da Variante.
Segundo o goberno municipal, os trámites para a desafectación e posterior cesión están na súa fase final, tras a aprobación por parte da Dirección Xeral da Costa e do Mar da modificación da liña de ribeira.
Os pasos clave deste proceso inclúen a regularización da liña interior de ribeira do mar en diversas zonas dos paseos marítimos de Covas e Viveiro, a declaración da innecesariedade destes terreos para a protección do dominio público marítimo-terrestre, a solicitude ao Ministerio de Facenda para a súa desafectación e cesión ao Concello de Viveiro e o desprazamento de técnicos municipais á Xerencia do Catastro en Lugo para avanzar na xestión da cesión.
Unha vez completada a cesión, o Concello poderá executar o arranxo definitivo da explanada da Variante, un proceso no que se leva traballando dende hai anos e que se atopa na súa fase final.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destacou a importancia destas actuacións para a conservación do patrimonio natural do municipio e para ofrecer aos veciños e visitantes unha praia accesible e segura.
“Estas melloras supoñen un paso máis na aposta do Concello pola posta en valor dos nosos espazos naturais. A recuperación das dunas de Covas permitirá preservar un ecosistema fundamental e, ao mesmo tempo, mellorar a experiencia dos usuarios da praia, garantindo accesos cómodos e seguros para todos”, afirmou Loureiro.