O texto será agora exposto publicamente para que a cidadanía poida coñecelo e formular achegas antes de ser debatido en comisión cos grupos municipais, buscando o maior consenso posible antes da súa aprobación en pleno.
A cidadanía poderá consultar o borrador da ordenanza na páxina web municipal e nos espazos de información cidadá habilitados polo Concello.
Desde a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Medio Ambiente destácase que esta normativa “supón un paso fundamental para ordenar e mellorar a realidade da tenza de animais en Viveiro, garantindo un marco claro de dereitos e deberes”.
Un marco normativo para a tenza responsable
A ordenanza establece normas para a protección, tenza e benestar dos animais domésticos, de compaña e silvestres en catividade dentro do termo municipal de Viveiro. Tamén fixa as obrigas das persoas propietarias para garantir a súa correcta identificación, mantemento e convivencia co resto da cidadanía.
Entre os puntos destacados inclúense a regulación das condicións de alimentación, hixiene e benestar dos animais, así como a obrigatoriedade da súa identificación mediante microchip.
Así mesmo, segundo a normativa, os animais deberán ir atados fóra das zonas habilitadas e as persoas propietarias serán responsables da recollida de excrementos.
Establécense ademais requisitos específicos para a tenza de cans potencialmente perigosos, incluíndo a licenza municipal obrigatoria e medidas de seguridade.
Implántase tamén un sistema de xestión ética de colonias felinas mediante o método CER (Captura, Esterilización e Retorno) para controlar a poboación de gatos comunitarios.
Ademais, regúlase a inspección, o control e as sancións por incumprimentos, que van de leves a moi graves, podendo implicar multas e sancións accesorias.
Zonas de Esparexemento Canino
Finalmente, a ordenanza inclúe a creación das Zonas de Esparexemento Canino (ZEC), espazos habilitados en diversas zonas do municipio para que os cans poidan correr soltos e interactuar en condicións de seguridade.
Estes incluirán a zona verde contigua ao parque infantil de Celeiro, Nogueiras en Viveiro, a parcela municipal contigua a Valdeflores en Xunqueira, e a praia de Seiramar e parte do Parque Pernas Peón anexa ao IES María Sarmiento en Covas.
As ZEC estarán dotadas de valados de seguridade, mobiliario adaptado, dispensadores de bolsas para a recollida de excrementos e unha delimitación clara para garantir a compatibilidade co resto do espazo público.