Site icon Crónica3.com A Mariña

Portos de Galicia aproba a declaración de innecesariedade de terreos en Foz para avanzar na súa reversión ao estado, e aproba a modificación de espazos e usos portuarios de Viveiro e Celeiro

O ente público remata así os trámites da súa competencia nos peiraos incluídos na primeira fase do procedemento de devolución á Administración Xeral do Estado da titularidade de solo que rexistra uso público veciñal para que se transfira, no seu caso, aos Concellos

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2025. O Consello Reitor de Portos de Galicia aprobou esta mañá a declaración de innecesariedade de terreos portuarios que non rexistran actividade portuaria en oito municipios. Esta declaración establece as bases para a súa reversión á Administración Xeral do Estado de xeito que esta poida transferilos aos concellos interesados en asumir a titularidade deste solo de uso público veciñal.

Esta declaración de innecesariedade afecta a terreos dos municipios de Foz, Ponteceso, A Pobra do Caramiñal, Cambados, Vilanova de Arousa, Bueu, Cangas e A Guarda. Para delimitar o solo susceptible de reverter no Estado, Portos de Galicia celebrou reunións con todos os alcaldes dos concellos afectados a fin de acordar a proposta en base a criterios estritamente técnicos que foron ademais consensuados coa Fegamp.

Con esta declaración de innecesariedade Portos de Galicia remata os trámites da súa competencia dentro do procedemento de reversión dos terreos incluídos na primeira fase, que inclúen, ademais dos declarados hoxe innecesarios, o porto de Santa Cruz, en Oleiros, na súa totalidade, que xa cumprimentara este trámite con anterioridade. A proposta conxunta de reversión de terreos nos nove portos trasladarase agora á Consellería de Facenda, que, tras a súa análise patrimonial, a elevará ao Consello da Xunta. Unha vez aprobada polo Executivo galego, remitirase ao Goberno central para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros.

DEUP de Viveiro

O Consello Reitor de Portos de Galicia aprobou tamén hoxe a modificación do documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios dos portos de Viveiro. Esta ferramenta permite planificar a distribución do solo portuario en función da súa actividade, de cara a un crecemento ordenado do porto. A modificación da DEUP actualiza os usos do solo e clarifica definitivamente a zona de servizo do porto con respecto ao deslinde do dominio público. Deste xeito queda documentado que a Ponte da Misericordia e a rampla anexa non pertencen ao dominio público portuario.

Exit mobile version