Os independentes anuncian que calquera acordo “só será posible cun programa de actuacións e inversións realista e con garantía de cumprimento, e que cambie o rumbo do noso Concello”
Viveiro, 7 de febreiro de 2025. Os independentes de Por Viveiro, destacaron esta mañá, que logo de agardar unha semana para que o Partido Socialista de Viveiro fixera unha proposta de gobernación, a proposta recibida, non foi tal, senón unha versión reducida a case o 25% do acordo de investidura. Logo de valorar internamente esta proposta, o pasado martes, a mesma foi totalmente rexeitada polos independentes que na mesma cita acordaron iniciar as conversas co PP de Viveiro co obxectivo de escoitar a oferta realizada fai uns meses para levar a cabo un cambio no goberno do Concello.
“En Por Viveiro, queremos un Viveiro mellor, con presente e con futuro, polo que calquera acordo que se vaia levar adiante, terá que ser en base a un programa de goberno, con inversións e garantía de cumprimento das mesmas” declaran.
Así mesmo, unha vez acordado cos representantes do PP, comunican que a primeira das reunións levarase a cabo o vindeiro mércores día 12 de febreiro no Hotel Las Sirenas.