Propón destinar parte dos máis de 100 M€ de recursos dispoñibles a crear un centro de almacenamento de enerxía como proxecto de futuro
Santiago de Compostela, 17 febreiro 2025. A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou unha “discriminación positiva” para As Pontes e o conxunto da comarca na distribución dos fondos destinados a unha transición enerxética xusta para que realmente se focalicen os investimentos nunha zona do territorio galego que é a que está sufrindo “as consecuencias reais do que significa esta transición”.
Así o afirmou logo do encontro que, xunto aos deputados Mon Fernández e Xosé Manuel Golpe, mantivo con representantes municipais do BNG en Ferrolterra para analizar o reparto dos fondos de transición xusta e tralo que denunciou como o Executivo de Alfonso Rueda “segue discriminando As Pontes e a toda a comarca”.
Neste sentido, criticou que o Goberno do PP non está focalizando os fondos que chegaron a Galiza nas Pontes e nos concellos afectados, e mesmo que hai municipios como o de Muras, cuxo alcalde participou na reunión, que “directamente son discriminados”, advertiu, e “nin tan sequera poden acceder a estes recursos, pese a formar parte dunha zona afectada pola transición enerxética”.
“A Xunta, igual que o Goberno do Estado, teñen que deixar de discriminar As Pontes e a comarca de Ferrolterra”, reclamou a portavoz nacional, quen considerou imprescindible revisar as ordes de subvencións para que o reparto dos fondos se focalicen prioritariamente na comarca, definida como zona afectada pola transición enerxética, dado que nos baremos da Xunta non ten peso algún esta consideración.
A líder nacionalista tamén pediu ao Executivo de Rueda que non se limite única e exclusivamente a repartir recursos, senón que exerza como motor dunha transición xusta, destinando parte deses recursos, que cifrou en máis de cen millóns de euros, a crear nas Pontes o centro de almacenamento de enerxía que o BNG propón como “proxecto estratéxico de futuro”, non só para a comarca senón para toda Galiza.
Pontón avanzou que o Bloque vai levar estas propostas ao Parlamento para que a Xunta deixe de discrimar As Pontes e comarca, impulsando que os fondos que están destinados a esta fin “vaian realmente aos territorios afectados” e que, dunha vez por todas, recalcou, “deixen de dar as costas a unha parte tan importante do País” que está “afectada directamente por esta transición enerxética sen recibir ningunha compensación”. “Isto, no fondo, é unha fraude non só para As Pontes, senón tamén para o conxunto de Galiza”, sintetizou.
Nesta liña, recordou que As Pontes está sendo discriminada “dende o primeiro minuto”, dado que non hai compromisos reais e efectivos que garanten que o desmantelamento da central térmica vai supoñer novos investimentos que xeren emprego, dinamismo económico e lle dean futuro á localidade e á comarca.
“Nin Xunta nin Goberno central cumpren coas Pontes”, advertiu a portavoz nacional, quen recordou que non só faltan compromisos que se materialicen en novas empresas que xeren emprego, senón que, ademais de permitirlle a Endesa desvincularse da reconstrución da localidade, tampouco houbo un convenio de transición enerxética xusta nas Pontes como si teñen outras partes do Estado.
Unha “historia de discriminación con As Pontes que se repite” que o BNG considera inaceptable, máis tendo en conta que esta transición enerxética implica a destrución de moitos empregos nunha comarca historicamente castigada.
“As transicións enerxéticas non poden supoñer o sacrificio desde o punto de vista social e territorial dunha parte tan importante do País como é esta e, en toda a comarca de Ferrolterra, xa sabemos o que supuxeron outros procesos de reconversión industrial; queremos que o futuro sexa diferente”, concluíu Pontón.