Avanza que o BNG traballará para que os 250 M€ que o PP quere dar a Altri se destinen ás pemes galegas, á xente do rural e do mar e a sanear as rías
Santiago de Compostela, 12 febreiro 2025. A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, de non ter máis proxecto industrial para o País que volver a Galiza ao pasado e “resucitar o franquismo industrial das celulosas” co seu apoio á instalación da “bomba ambiental” de Altri no corazón do rural galego.
“En 1963 impoñíannos unha celulosa neste País por parte do franquismo e ese é o modelo que vostedes recuperan en 2025, impoñernos unha macrocelulosa”, recriminou a Rueda na sesión de control parlamentaria. “O franquismo industrial é o que vostedes ofrecen á xente deste País 60 anos despois, outra macrocelulosa”, sintetizou.
Pontón argumentou o carácter altamente contaminante da multinacional portuguesa nos propios datos do proxecto: 3,6 millóns de m2 de ocupación de terras que, por certo, formaban parte da ampliación da Rede Natura que o Executivo do PP cancelou; 13 quilómetros de tubaxes que discorrerían por espazos protexidos; 8,7 toneladas diarias de gases contaminantes emitidos á atmosfera e 46 millóns de litros de captación de auga.
Datos aos que hai que engadir os 30.000 millóns de litros de auga contaminada que irán parar ao río Ulla que “abastece a máis de 100.000 persoas e que rematarán na ría de Arousa, a máis produtiva de Galiza”, advertiu a portavoz nacional, quen recalcou que, pese a todo isto e segundo a propia multinacional -“que xa parece o portavoz do goberno”, ironizou-, Altri “vai ter a declaración de impacto ambiental positiva en marzo”.
A líder nacionalista atribuíu a autorización anunciada pola empresa portuguesa á “decisión política que ten adoptado o Partido Popular para beneficiar a Altri” para “prexudicar e hipotecar o futuro deste País”, coa pretensión ademais de que reciba 250 millóns de euros de fondos públicos.
“Xa lle digo que desde o BNG imos facer todo o posible e todo o imposible por que non reciba nin un só euro público por contaminar o noso País e que eses 250 millóns de euros se destinen ás pemes galegas, á xente que vive de traballar no mar e na terra ou a recuperar e rexenerar o río Ulla e a ría de Arousa”, avanzou.
“Se ese proxecto da macrocelulosa é tan fantástico, por que non o queren en Portugal? E por que ocultaron o proxecto, señor Rueda?”, cuestionou Pontón, quen recordou que o Executivo do PP o mantivo escondido antes das eleccións galegas e até o día 4 de marzo que saíu publicado no DOG “porque sabía que era unha bomba ambiental”.
A portavoz do BNG reprochou ao titular da Xunta que acuse a todo aquel que se opoña á macrocelulosa de coaccionar ao persoal técnico da Administración galega. “Quen coaccionan? Os milleiros de galegos e galegas que se manifestan en contra de Altri?”, interpelou, para incidir en que, segundo os populares, agora desaprobar o proxecto contaminante da empresa portuguesa resulta que é sinónimo de coacción aos técnicos.
O trumpismo do PP
“Están máis cerca de Trump do que nós pesabamos, señorías do PP”, advertiu a líder nacionalista, quen, pola contra, indicou que é Rueda o que ten que explicar “por que dimiten algúns técnicos e por que, para substituír a algúns deles, coloca comisarios políticos do PP para facer informes a medida”.
“Señor Rueda, se ademais, todo o mundo sabe que a vostede os únicos informes técnicos que lle gustan son os que lle dan a razón”, ironizou ao enumerar todos os informes que desgustan ao presidente, como o do Consello de Contas sobre o sobrecusto do hospital Álvaro Cunqueiro ou o do Instituto Galego de Estatística sobre a situación de emerxencia do galego. Por iso, considerou lóxico que ao presidente do Executivo “tampouco lle gusten” os informes técnicos do Consello da Cultura que “lle din que Altri sería un proxecto desastroso para este País”.
“Deixe de mentir e de agocharse detrás dos técnicos porque todo o mundo sabe que esta foi unha decisión política adoptada polo Partido Popular”, reclamou Pontón, quen tamén pediu a Rueda que “sexa valente e asuma as súas decisións políticas”. “Polo menos teña, por unha vez, a honradez de facelo”, incidiu.
Logo de reclamar ao titular da Xunta “menos paternalismo, menos machismo e un pouco máis de humildade” logo que este cuestionase a súa capacidade de comprensión e as súas propostas a favor de Galiza, a líder nacionalista dixo descoñecer por que o PP segue empeñado en levar adiante un proxecto que “pon en risco o futuro deste País”.
“Quizás os vínculos cunha empresa dunha exconselleira do Partido Popular o pode explicar ou quizais outras cousas, o que está claro é que están dispostos a todo para darlle para adiante”, reflexionou, para contrapoñer a continuación a actitude do Executivo galego co de Noruega, que acaba de rexeitar unha pasteira moi similar a Altri pola súa afectación ambiental.
“A diferenza que hai entre Galiza e Noruega é que alí teñen un goberno que está mirando polo ben común e aquí vostedes son un goberno que está facendo de comercial de Altri e en contra das empresas deste País”, reprochou a Rueda, a quen tamén afeou a súa incapacidade de captar empresas de vangarda, tecnolóxicas e de futuro e só ofreza, incidiu, recuperar o “franquismo industrial con outra celulosa no corazón de Galiza”.
“Xa lle digo que nin toda a propaganda, nin todas as súas mentiras, nin toda a manipulación vai frear a dignidade da xente deste país que lle di Altri, non, Galiza si”, advertiu, para rematar pedíndolle ao xefe do Executivo que rectifique a súa decisión política en favor da macrocelulosa portuguesa. “Rectifique, señor Rueda, escoite á xente deste país”, concluíu.