Ribadeo, 20 de febreiro de 2025. Perpetuando chega ao Cine Teatro este sábado, 22 de febreiro.
A Concellería de Igualdade e o CIM convidan á cidadanía a participar o sábado nunha xornada especial no Cine Teatro, onde terá lugar unha acción enmarcada dentro do proxecto Perpetuando. Esta iniciativa revisita a historia da fotografía con perspectiva de xénero, promovendo unha relectura das imaxes icónicas a través da participación do público.
Desde o CIM explican que “as asistentes terán a oportunidade de integrarse nos fotoramas, unha proposta interactiva que transforma ao espectador en protagonista, permitindo que viva en primeira persoa escenas inspiradas en grandes referentes da fotografía. Con esta acción, Perpetuando busca xerar unha reflexión sobre a representación das mulleres na historia da imaxe e fomentar unha visión máis igualitaria do pasado e do presente”.
A cita terá lugar este sábado no Cine Teatro de 11 a 20 horas.
A concelleira de Igualdade, Begoña Sanjurjo, sinalou que “facemos un convite aberto a toda a cidadanía para experimentar a fotografía desde unha óptica transformadora e inclusiva”.