O delegado deu conta das actuacións que o Ministerio de Transportes está levando a cabo na renovación do firme da autovía para incrementar a seguridade e ofrecer as mellores condicións de circulación aos usuarios da vía
Becerreá, 15 de febreiro de 2025. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor o esforzo do Goberno pola conservación e mellora da rede de infraestruturas viarias na provincia de Lugo, supervisando as obras de acondicionamento do firme da autovía A-6 ao seu paso polo Cereixal, en Becerreá. Fíxoo xunto á subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, e técnicos responsables da Demarcación de Estadas en Galicia.
O Ministerio de Transportes está executando 23,1 millóns de euros nesta actuación sobre a calzada da A-6. “Respondemos a unha demanda das e dos usuarios desta vía, que se enmarca dentro do traballo que levamos feito para garantir a seguridade e ofrecer as mellores condicións de circulación nas vías estatais”, apuntou o delegado.
“O compromiso do Goberno de España con esta provincia e a súa rede viaria é unha evidencia, pois vai licitar outros 30,4 millóns euros para seguir renovando os firmes da autovía A-6, mellorando a seguridade viaria dos e das lucenses”, destacou Pedro Blanco, quen fixo fincapé no traballo do ministro Óscar Puente en favor desta provincia.
Lembrou, ademais, que esta non é a única das accións do Goberno dentro deste eido na provincia de Lugo, pois o mes pasado elevou o investimento en 1,8 millóns ao comprendido para a mellora do firme tanto na A-6 como na A-8 e na A-54, “estradas que soportan un elevado tráfico e que precisaban destas melloras”.
Novo contrato para as estradas de Lugo
O Goberno vén de aprobar a formalización do contrato de conservación en 268 quilómetros (46,5 de autovía) das estradas na provincia de Lugo por máis de 17,7 millóns de euros, “o que supón unha nova mostra do compromiso do Goberno coa cidadanía lucense e as súas vías de comunicación”, como sinalou o delegado.
Este contrato recolle actuacións como a vixilancia e atención de accidentes, a viabilidade invernal, o servizo de control de túneles ou o mantemento das instalacións. Repercutirá en tramos da A-54, da A-56 e varios tramos das estradas N-540, N-540A, N-547, N-640, N-120, N-120A e LU-12 (de acceso a Lugo).
Impulso á mobilidade de Lugo
O delegado salientou o impulso ás estradas de altas capacidades da provincia que realiza o Goberno, que vén de inaugurar un novo tramo da A-54 e que estará en servizo na súa totalidade este mesmo ano. “Estamos facendo de Lugo unha cidade conectada e con futuro, cumprindo unha débeda histórica coa súa cidadanía a través de proxectos en materia de ferrocarril e de estradas”, precisou Pedro Blanco.