Foz, 7 de febreiro de 2025. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, cualifica de boa noticia a declaración de innecesariedade de terreos de Portos e considera que eses espazos sen uso portuario deben ser xestionados polo Concello.
O rexedor municipal focego manifesta: “a declaración de innecesariedade dos terreos de Portos é unha boa noticia, que referenda a reunión que puiden manter co presidente de Portos de Galicia en decembro pasado na Coruña e tamén a solicitude que fixo o Concello de Foz alá polo ano 2021”.
Ademais Fran Cajoto explica que nesa reunión celebrada en decembro “aportamos diversas ideas para delimitar mellor eses terreos que van pasar a ser titularidade do Concello de Foz. Non sabemos se neste documento se incluíron, pero desde logo é absolutamente necesario que os espazos que agora mesmo ocupa o club Kayak, a Aula de Seguridade Viaria, a piscina municipal ou que se utilizan para facer as festas patronais deben pasar a ser xestionados polo Concello de Foz para evitar o pago dunhas taxas abusivas e tamén para ordenar o espazo portuario porque desde logo a área de estacionamento das autocaravanas debe ser xestionada de forma conveniente para que sexa un recurso e unha oportunidade e non un problema”.