O senador mariñán José Manuel Balseiro defendeu na Comisión de Cultura que o Goberno de España “elabore e execute un proxecto de intervención só ou en concorrencia con outras administracións”
Madrid, 24 de febreiro de 2025. O Partido Popular logrou aprobar, sen ningún voto en contra, a súa iniciativa na Comisión de Cultura do Senado para instar ao Goberno de España a liderar e financie, con cargo a fondos estatais, a obra de rehabilitación integral do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá.
O senador mariñán, José Manuel Balseiro, explicou que a proposta inclúe a elaboración e execución dun proxecto de intervención, só ou en concorrencia con outras administracións, co fin de preservar, protexer e poñer en valor esta xoia patrimonial, arquitectónica e relixiosa fundada no século X polo Conde Osorio Gutiérrez, tamén coñecido como o ‘Conde Santo’, declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1974 e que ten a consideración de Ben de Interese Cultural de Galicia na categoría de Monumento.
Balseiro incidiu en que “administracións como a Xunta souberon ver o seu valor e promoveron obras de restauración e conservación”. De feito, recentemente culminaba un investimento de máis de 360.000€ para rehabilitar a súa igrexa.
O PSOE presentou unha emenda que non foi aceptada porque “é moito máis ambiciosa a proposta do Partido Popular”. A do Partido Socialista nin comprometía o apoio do Goberno central con fondos propios á obra de rehabilitación do inmoble nin esixía que a administración central liderase este proxecto, aínda que actuase en concorrencia con outras administracións.
UNHA CHEA DE PROMESAS SOCIALISTAS INCUMPRIDAS
Balseiro relatou unha chea de promesas socialistas incumpridas, a máis recente “cando o propietario, o Bispado de Mondoñedo – Ferrol firmou un convenio para a cesión do inmoble e cumprir os requisitos de acceso ás axudas do 2% Cultural, pero unha e outra vez, sempre se atopou co non do Goberno do PSOE en España”.
A preguntas dos senadores sobre proxectos para rehabilitar este monumento, “o Goberno confirmaba de forma oficial que non tiña previsión de facelo a pesar de que existen múltiples axudas para a conservación do patrimonio arquitectónico”.
Balseiro lembrou durante a súa intervención que prometeron unha obra de rehabilitación que superaría os 2M€ con cargo ao Plan Nacional para o turismo Xacobeo 21/22 “que nunca chegou a executarse”. Nese sentido, afeou que o senador do PSOE por Lugo, César Mogo, destacara como “éxito” do goberno local socialista que conseguira que o Goberno de Sánchez tivera en conta o mosteiro de Lourenzá cando, posteriormente, rexeitou apoiar o proxecto”.
O senador popular explicou que “o prometeron antes das eleccións e pasada a cita electoral: si te he visto, no me acuerdo. Outra promesa incumprida do Goberno de España coa Mariña”.
Máis recentemente, solicitaron 3M€ dun proxecto de case 4,3M€ co cargo ao programa do 2% Cultural estatal. Pero “a finais de decembro saíu a resolución, case ás agachadas, en Nadal para que non se entere ninguén, e a solicitude do mosteiro de Lourenzá foi outra vez rexeitada. E non é porque se trate dun ben da Igrexa” porque “entre os máis de 30 beneficiarios destas axudas hai outros inmobles similares”.
UNHA XOIA CUN GRAN DETERIORO
O mosteiro de San Salvador acolle algunhas dependencias municipais e desde os anos 60 do século XX a edificación alberga tamén un interesante Museo de Arte Sacra. Tamén posúe a casa abacial e dependencias monásticas con claustros, actualmente inhabilitados; e una igrexa cuxa portada parece ser serviu de precursora da fachada do Obradoiro.
Algunhas estancias do mosteiro, desafortunadamente, presentan gran deterioro. Isto non só está a impedir que sexan obxecto de visitas, senón que compromete a súa preservación de cara ao futuro do que é un dos monumentos máis representativos deste municipio lucense e unha referencia do arte barroco galego.