Antonio Ameijide explica que esta estrada provincial conta cunha elevada densidade de circulación, xa que conecta o núcleo do municipio con San Miguel de Negradas, polo que non se poden descoidar tarefas de mantemento básicas como o desbroce ou a limpeza de cunetas
Lugo, 17 de febreiro de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular piden ao Goberno provincial de PSOE e BNG “maior preocupación” polas estradas provinciais no Vicedo, un dos municipios máis turísticos da provincia e que conta con numerosas praias de gran beleza e riqueza natural que congregan a miles de turistas todos os anos.
Neste senso, os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro, xunto ao alcalde do Vicedo, Jesús Novo, comprobaron o estado da estrada LU-P-6404 (de Vicedo a San Roque), cara San Miguel de Negradas, que precisa ser renovada, así como a realización periódica das labores de mantemento como o desbroce.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, insiste na necesidade de renovar esta vía xa que, sobre todo nos meses de verán, conta cunha elevada densidade de circulación. “É preciso renovar o firme, así como desbrozar e limpar as cunetas xa que a auga corre pola estrada, polo que aumenta o desgaste do firme e, como consecuencia, tamén diminúe a seguridade”, explicou.
MANTEMENTO DE TODA A LU-P-6405
Antonio Ameijide aproveita para agradecer o investimento previsto na LU-P-6405, no Vicedo, pero insiste en que “é preciso revisar ben as estradas provinciais, xa que, pese a ser necesaria esta actuación, hai puntos desta vía que precisan de actuacións urxentes para garantir a seguridade”, unha situación que “non é descoñecida para o goberno de PSOE e BNG porque os propios veciños recolleron sinaturas e o propio Concello do Vicedo acordou en pleno, o 20 de novembro de 2020, dirixirse á Deputación de Lugo para acometer esta actuación o antes posible”.
Neste senso, o voceiro propvincial popular urxe a mellorar esta vía provincial “na súa totalidade non só para facer máis cómodo o acceso para os condutores, senón dotando a vía de máis seguridade para os centos de peóns que por ela circulan tamén no verán”.