Os populares advertiron en rolda de prensa que “o Goberno de Sánchez borra a Lugo do mapa do Corredor Atlántico para o horizonte 2030” tras analizar o Plan Director presentado recentemente polo Ministerio
Os populares presentaron esta iniciativa que se debaterá o vindeiro martes no Pleno da Deputación de Lugo nunha rolda de prensa na que participaron a presidenta e voceira do PP en Lugo, Elena Candia, o portavoz do Grupo Provincial, Antonio Ameijide, deputados provinciais, autonómicos, nacionais e senadores da provincia.
A presidenta e voceira municipal do PP de Lugo sinalou que “a nosa reivindicación adquire moita máis importancia despois de que esta mañá o Delegado do Goberno dixera que o Goberno converterá a Galicia no polo da nova mobilidade do noroeste ao lado da alcaldesa e do presidente da Deputación sendo coñecedores de que o Plan Director borra a Lugo do mapa”. Candia pediulles que “rectifiquen de ser cómplices do abandono” e que “que, por primeira vez, antepoñan Lugo aos intereses do proxecto político no que militan”.
Ameijide explicou que o Corredor Atlántico é unha das dúas infraestruturas multimodais na península de servizo de viaxeiros e mercancías, xunto ao Corredor do Mediterráneo, que forman parte dos 9 corredores da rede única europea, “estratéxica para o desenvolvemento loxístico e a conexión de nós urbanos”. E condenou que “nin sequera sae o nome de Lugo no mapa”. É máis, “é a única provincia do entorno que queda fóra de todo”.
O portavoz do Grupo Provincial Popular e coordinador de infraestruturas do PPdeG, Antonio Ameijide, asegura que “xa sabiamos que Lugo non forma parte dos plans de Sánchez” e incidiu en que “este abandono supón que quedemos descolgados da conectividade e do desenvolvemento económico” porque “no futuro da mobilidade e das mercancías, Lugo non está”.
Ameijide lembra que “Lugo ten unha estación sen trens” e que “Lugo queda fóra da alta velocidade. O trazado actual da liña Ourense – Lugo non permite alcanzar os 160 km/h de media establecidos para os trens de viaxeiros, senón que esa é a velocidade máxima punta en escasos tramos da rede na provincia” e o Goberno de España non contempla a execución das variantes de Os Peares-Canabal nin Rubián, imprescindibles para reducir os tempos de viaxe.
Ademais, censura que “o Goberno de Sánchez non considere as vías e liñas que comunican Lugo coas provincias do entorno rede básica nin prioritaria e, polo tanto, non contempla ningunha actuación no horizonte do 2030. A liña entre Monforte – Ferrol / A Coruña inclúese na rede global para a que non están previsto melloras ata o horizonte do 2050”.
O popular explica que o Executivo de Sánchez só contempla, en materia ferroviaria, “a supresión de pasos a nivel na liña Monforte-Ferrol / A Coruña. Nada para a modernización da liña, nin para a dobre vía nin para a instalación do sistema ERTMS do que queda fóra ata 2040. E, canto ao anuncio sobre o estudo da conexión de Lugo con Santiago, advirte que “é un globo sonda. Fan o anuncio, pero non contemplan investimentos no Plan Director”.
En materia de comunicacións por estrada, advirte que “quedan fóra da planificación de investimentos a A-56 que permitiría conectar Lugo con Ourense por autovía (os usuarios teñen que empregar a alternativa, a LU-540, en pésimo estado) ou a A-74 (a autovía da Mariña para a que recentemente saía a exposición pública o primeiro tramo por segunda vez en sete anos) e a A-76 Ponferrada-Monforte-Ourense”. E, á falta de impulso das novas autovías, hai que engadir “a inexistencia dun programa de mantemento das estradas xa existentes”.
O portavoz provincial puxo como exemplo “do pouco que lle importa a provincia de Lugo ao Goberno de Sánchez” a cantidade “ínfima” de investimento entre 2018 e 2023 (394,3M€) con respecto ao total dos 5.373M€ na rede ferroviaria de Galicia: un 7,34%.