Os senadores reuníronse en Navia de Suarna con alcaldes, portavoces e concelleiros dos sete concellos lucenses bañados polo río, a deputada autonómica Encarna Amigo e o portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide
Lugo, 17 de febreiro de 2025. Os senadores do PP lucense José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano interesaranse na Cámara Alta polas previsións do Goberno de Sánchez para executar e incorporar a Gran Senda do Navia no programa nacional de Caminos Naturales.
Os representantes populares no Senado pola provincia de Lugo deron a coñecer esta iniciativa xunto aos senadores do Partido Popular por Asturias Pablo González e José Manuel Rodríguez ‘Lito’ nunha xuntanza en Navia de Suarna con alcaldes, portavoces e concelleiros dos concellos lucenses bañados polo río Navia, a deputada autonómica Encarna Amigo e o portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, que consideran positivo o proxecto “para un importante número de municipios, un elemento vertebrador da zona e dinamizador dende o punto de vista cultura, socioeconómico e turístico”, segundo explicou Barreiro.
Concretamente, os senadores queren que o Executivo se posicione e aclare se apoia o proxecto, ademais de esixirlle explicacións sobre os motivos polos que non fixo nada ata agora.
José Manuel Barreiro apuntou que “nós o que queremos é que se impulse este proxecto” que precisaría “non só o impulso económico; senón o seu recoñecemento”. Pablo González engadiu que “iniciativas que nacen de la gente, del pueblo, con características positivas merecen la pena ayudar”. E destacou que sexa unha proposta “para fijar población y crear empleo” polo que anima a unirse entre todos para “eliminar el obstáculo final y se lleve a la práctica porque es una fuente de riqueza”.
Encarna Amigo, que destacou a beleza dos municipios da Montaña e avanzou que tamén se debaterá sobre este proxecto no Parlamento de Galicia, defendeu a Gran Senda do Navia como unha alternativa ao despoboamento: “o turismo permite que moitas familias se asenten no rural”.
Diversas institucións promotoras da sociedade civil, grupos de sendeiristas da provincia de Lugo e do occidente asturiano presentaran a comezos do 2018 ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente o proxecto para executar unha gran senda peonil e cicloturista de 428 km ás marxes do río Navia dende o seu nacemento á súa desembocadura pasando por sete municipios lucenses -Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro- e nove de Asturias -Allande, Boal, Coaña, Grandas, Ibias, Illano, Navia, Pesoz e Villayón-. Tamén teñen manifestado o seu apoio ao proxecto a Deputación de Lugo e o Goberno do Principado de Asturias.
“Dende aquela pasaron sete anos e o Goberno de Sánchez non fixo nada. Así, ante a pasividade do Goberno de España neste tempo”, os populares volverán a “reivindicar o apoio a esta iniciativa” que podería constituír un importante revulsivo para o desenvolvemento económico e social da comarca da Montaña e a zona do Val do Navia poñendo en valor o importante patrimonio natural, cultural e etnográfico. Ademais, esta senda conectaría tres das rutas oficiais do Camiño de Santiago: o Camiño Francés, o Camiño Primitivo e o Camiño Norte.
OBRA DE INTERESE XERAL
Por tratarse dun proxecto intercomunitario e para o desenvolvemento un territorio deprimido e afectado polo despoboamento, a Gran Senda do Navia aspiraba á máxima puntuación para conseguir financiamento a través do programa Caminos Naturales; pero para o seu impulso é preciso contar coa declaración de obra de interese xeral.
Esa declaración e a inclusión do proxecto da Gran Senda do Navia no programa de Caminos Naturales do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación foi reclamado ao Goberno de España trala aprobación no Congreso dos Deputados en abril do 2022 dunha Proposición Non de Ley do Partido Popular.