Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia que a Deputación “segue a financiar empresas participadas por Ana Pontón e altos cargos do BNG”

Antonio Ameijide recorda que dende que José Tomé é presidente da Deputación, o goberno provincial pagou xa 214.539€ á empresa Sermos Galicia, da que Ana Pontón e Olalla Rodil, entre outros cargos nacionalistas, son accionistas

Lugo, 27 de febreiro de 2025. O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denuncia que PSOE e BNG seguen a financiar empresas participadas por altos cargos nacionalistas, como Ana Pontón ou Olalla Rodil, unha postura que “está fóra de toda ética e que non se debería de permitir”.

Antonio Ameijide explica que PSOE e BNG aprobaron un decreto no que se autoriza o pago de 41.722€ a Nós Diario, empresa pertencente a Sermos Galiza (empresa da que son accionistas, entre outros, Ana Pontón e Olalla Rodil), en concepto da contratación de 129 subscricións en papel (área de Cultura), unha subscrición máis en papel (servizo de publicacións), unha subscrición dixital (rede museística provincial), dúas subscricións en papel (área de Deportes) e outra subscrición en papel (área de Medio Rural).

Para o voceiro provincial “está fóra de lugar” que dende institucións públicas nas que PSOE e BNG gobernan “destinen fondos a empresas das que son accionistas”. “Sempre escoitamos presumir aos membros do BNG da súa transparencia e honestidade, pero non nos parece ético que destinen fondos a empresas das que son accionistas”, sentenciou.

Antonio Ameijide recorda que dende que José Tomé é presidente da Deputación, o goberno provincial pagou xa 214.539€ á empresa Sermos Galicia, da que Ana Pontón e Olalla Rodil, entre outros cargos nacionalistas, son accionistas.

Exit mobile version