Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Xermade afea que o goberno socialista “transforme drasticamente a reitoral” sen contemplar outras posibilidades para poñer en valor tanto esta edificación coma a tornaría da madeira

Os populares apoian a promoción da tornaría, pero cren que “o proxecto do goberno local socialista para o centro de interpretación non é o máis acertado”

Xermade, 7 de febreiro de 2025. Os concelleiros do PP de Xermade apostan por impulsar e promocionar a tornaría da madeira que “merecen todo o noso apoio”. Así, defenden un centro de interpretación da tornaría en Xermade; pero cren que “o proxecto do goberno local socialista non é o máis acertado”.

O proxecto supón a rehabilitación integral da reitoral de Santa María de Xermade; é dicir, “unha drástica transformación do histórico edificio que oculta o seu estilo arquitectónico”, segundo explica o portavoz, Antonio Riveira.

En relación ao seu exterior, “comparado coas edificacións do núcleo de Pedreiro, en Xermade, onde se atopan a biblioteca e a igrexa -ambas con acabado en pedra- o acabado proxectado para a reitoral supón un importante contraste que obriga a replantexar o acabado das edificacións”.

Atendendo á reforma interior, os populares sinalan que “o proxecto inicial, non recolle a posibilidade dun acabado que realce o modelo construtivo -incluída a división das estancias- da reitoral que, ademais, dea valor engadido”. Incluso, prevé “a colocación dun ascensor diante da boca do forno”.

INVESTIMENTO DESPROPORCIONADO E UN AUDITORIO POUCO VERSÁTIL

Os populares critican, ademais, o “desproporcionado” investimento que pasa dos 400.000 euros para as obras previstas. O proxecto contempla habilitar dúas grandes áreas: un salón de actos de 80 metros cadrados no baixo e unha sala de exposicións duns 40 metros cadrados na primeira planta.

Á vista de que o alcalde xustifica esta proposta argumentando que na actualidade o Concello solo conta cunha sala con pouco aforo na biblioteca municipal; os populares pregúntanse “se o goberno local valorou nalgún momento a construción, en obra nova, dun auditorio máis amplo con locais expositivos e formativos máis útiles e versátiles, singularmente para a tornaría, e incluso menos caros”.

O PP de Xermade afea que “ao goberno local non lle importa o patrimonio histórico, artístico e cultural do municipio” e condena que “non valore outras posibilidades que permitisen poñer en valor a tornaría e, ao mesmo tempo, conservar o estilo arquitectónico da reitoral; ademais de habilitar un salón de actos ou local versátil e máis amplo”.

Exit mobile version