Os populares defenden un proxecto “serio, planificado e realista” para Viveiro
A voceira popular, Mariña Gueimunde, explica que “o Concello de Viveiro non dispón deste instrumento básico para a planificación da súa actividade económica neste 2025” cando “o orzamento debería estar aprobado xa para a súa entrada en vigor a 1 de xaneiro de 2025”.
A popular afea que “o goberno municipal de PSOE e BNG non teñan explicado cales son os investimentos previsto para este 2025 no noso concello. Unha vez máis demostran falta de planificación para abordar as necesidades e executar proxectos en Viveiro”, subliña.
Os populares esixirán no pleno deste mércores que o goberno local informe sobre a situación dos orzamentos para o 2025: “se empezaron a elaborar unha proposta, se hai algún avance, canto teñen previsto presentalos, que investimentos recollen e cales están condicionados precisamente pola falta de orzamentos”.
Gueimunde incide en que “o orzamento municipal é unha ferramenta básica para a xestión municipal, constitúe un marco xurídico e financeiro no que sustentar as actuacións económicas”. Pero, “este goberno non se caracteriza, precisamente, pola planificación nin por axustarse ás partidas orzamentarias previamente establecidas por el mesmo”. A popular lembra, neste sentido, os sucesivos recoñecementos extraxudiciais de créditos realizados no 2024 para pagar facturas do 2023.
Así mesmo, os populares inciden en que “as contas municipais do ano 2024 foron aprobadas en solitario polo equipo de goberno a principios do mes de xullo do mesmo ano coa abstención de XViveiro e do Partido Popular”.