Os populares advirten do perigo que supón para os usuarios e lembran outro exemplo similar na rúa da Pravia despois de investir máis de 1M€
Dende o PP de Vilalba explican que “coas obras de renovación da ponte quedaron zonas máis altas que impiden a drenaxe da auga” porque “ao non dispoñer de saídas, acumúlase enriba da calzada supoñendo un perigo para os vehículos”. Ademais, coas obras desfixeron unha presa cerca da ponte que levaba auga para un muíño. Así, pois, esixen poñer “solución de forma urxente para evitar calquera posible incidente”.
Os populares afean que “os usuarios da ponte da Ribeira, despois de agardar moito tempo polas obras de arranxo, se atopen cun novo problema pouco despois de recuperar o servizo por esta ponte. É unha vergoña que se dea esta situación nunha obra de recente creación”, puntualizan.
Os populares pregúntanse “cal vai ser a seguinte chapuza” de PSOE e Vilalba Aberta lembrando os problemas de acumulación de auga na rúa da Pravia despois de gastar máis de 1M€. Neste caso presenta deficiencias no remate do pavimento e pola escasa capacidade dos sumidoiros que a converten “nunha balsa de auga” e, incluso, ten provocado inundacións en baixos e garaxes.
Os concelleiros do PP vilalbés lembran tamén que a isto “hai que sumar a falta de mantemento doutras obras e infraestruturas municipais”. Esta “falta de interese pola conservación” do patrimonio municipal quedou de manifesto nos orzamentos que o goberno municipal aprobou para este 2025; xa que “cada ano recortan máis en mantemento”, como xa teñen denunciado os populares.
Os representantes do Partido Popular no consistorio esixen aos socios de goberno “xestión” e “escoita” aos veciños e veciñas para atender ás súas necesidades e “priorizar” o que precisan os vilalbeses e vilalbesas.