Os populares piden que “o rexedor nacionalista dea máis explicacións á oposición nos anos que quedan de mandato: que nos explique punto por punto os gastos que xera no Concello”
A voceira dos populares de Muras, Eugenia Requeijo, subliña que “adoptamos esta decisión responsable e consensuada con todo o equipo do Partido Popular de Muras” porque “somos sensibles coa situación de autónomos e pequenas empresas que sofren a mala xestión económica do alcalde e do seu goberno” e por iso “ofrecemos a nosa abstención para que poidan cobrar polos seus traballos”.
A popular explica que “non podemos votar a favor do pago das facturas porque non podemos apoiar as irregularidades do alcalde”. É que “algunhas delas correspóndense con servizos encargos a dedo” cando se deberían “sacar a concurso público” como recolle a Lei de Contratos do Sector Público.
E recorda que “xa pedimos en numerosas ocasións que o alcalde se sentase con todos os membros da corporación para que explicase os detalles dos gastos, pero a día de hoxe segue negándose a sentarse a dialogar”.
Eugenia Requeijo incide en que “o alcalde é o máximo responsable de acumular facturas sen pagar”, unha situación que se debe “a que non tiña previsto partidas orzamentarias para estes gastos. Se tivera ben deseñado o orzamento e aprobado tódolos anos este instrumento básico para a xestión económica de calquera Concello, disporía de partidas orzamentarias suficientes para pagar as facturas. Pero non o fixo dispoñendo dun goberno con maioría nin cun goberno en minoría, unha condición que require dialogo e consensos”.
Os populares critican, nese sentido, que “o goberno municipal do BNG non presentou os presupostos para o 2024 e xa comezou o 2025 e tampouco levou a Pleno ningunha proposta para este ano”.
A portavoz do PP local pon como exemplos da mala xestión económica “o fraccionamento en tres facturas do pago por facer o inventario de bens municipais” cando “a Administración non pode fragmentar facturas por un mesmo traballo” ou a perda de subvencións por “non cumprir prazos”.
Eugenia Requeijo condena “a total falta de capacidade do alcalde nacionalista para dialogar. Só quere impoñer a súa vontade como se fora un Deus”. E engade que “o rexedor do BNG nunca entendeu que os gobernos en minoría deben dialogar cos distintos grupos da oposición para tratar de chegar a acordos. A forma de gobernar deste alcalde deixa claro que o que menos lle importa é Muras e os seus veciños e veciñas”.